Os usuarios e usuarias do servizo de axuda no fogar (SAF) do Concello de Arzúa, teñen dereito a unha bolsa de horas de 600 horas que consiste en que se lle fagan actividades propias de axuda a domicilio, como o servizo de podoloxía (156 horas), servizo de fisioterapia (104 horas) e o servizo de peiteado (150 horas). Todas estas horas son anuais e non se poden acumular de unha anualidade para outra.
A empresa IDADES S.L. ofertou na licitación do servizo (ano 2021) persoal para servizos complementarios como: 1 animador de ocio e tempo libre, 1 podólogo, 1 fisioterapeuta, 1 terapeuta ocupacional, 1 psicóloga, 1 técnico de reparación e mantemento dos domicilios, 1 enfermeiro e persoal de limpeza. Sen embargo, o servizo deste persoal non se está ofrecendo ás persoas usuarias, por máis que está recollido no contrato entre a empresa e o Concello.
O feito de que o Concello ou as persoas responsables do contrato non lles comunicara ós usuarios e familiares estes dereitos, en consideración da CGT, é grave porque non se está a informar correctamente dos servizos aos que os usuarios teñen dereito no SAF. Algúns destes servizos mellorarían o benestar e calidade de vida dos usuarios e usuarias.
A CGT denuncia que se lle está dando a orde ás auxiliares de axuda domiciliaria da empresa de facer tarefas que non corresponden coa súa categoría laboral (podoloxía, peiteado ou enfermería, por exemplo), senón que deberían ser realizadas polo persoal especializado antes mencionado e que tiña que estar contratado pola empresa adxudicataria. Hai que sinalar o risco que pode supoñer a actividade de podoloxía, por exemplo, feita por persoal non cualificado, para persoas con enfermidades crónicas como a diabetes, por exemplo.
A empresa IDADES S.L., non está a cumprir co compromiso que adquiriu cos usuarios do SAF de Arzúa non dando os servizos de bolsa de horas, podoloxía, fisioterapia e de peiteado, o que supón un aforro ó ano de 19.800 € para a empresa e que deberían ser empregados nos usuarios, segundo se estableceu no contrato asinado co Concello de Arzúa. O Concello non pode mirar para outro lado e é a súa responsabilidade o control sobre a empresa adxudicataria e a vixilancia sobre o trato que se da ás usuarias.
CGT. O Concello de Arzúa e a concesionaria do SAF están a ocultarlles os servizos e dereitos aos usuarios
Escribe tu comentario
Escribe tu comentario