Noelia Otero. «As únicas medidas propostas por Alfonso Rueda para impulsar a emancipación xuvenil son resignación, negación e autobombo”

por Redacción Galicia

A portavoz de Mocidade do Grupo Socialista, Noelia Otero, presentou unha pregunta oral para reclamarlle á Xunta que despregue “políticas propias, transversais e urxentes” sinaladamente en política de vivenda para mozos e mozas.

Criticou que “para a Xunta non existe a franxa de idade dos 20 aos 35 anos”, dos que “só se lembran para falar de ocio e de tiro con arco”, mentres limitan ao Instituto da Xuventude “para organizar campamentos”. Sinalou que “poñen o foco en avalar hipotecas cos bancos máis que en promover axudas ao alugueiro”, que é a medida máis demandada no 80 por cento dos casos.

Reivindicou unha política de vivenda dirixida aos mozos e mozas, pero a Xunta prefire “boicotear as políticas de vivenda estatais, poñer propaganda en edificios ou habilitar os baixos comerciais”. Lamentou que o PP se teña amosado “en contra dun Plan de emancipación galego, en contra de complementar con fondos propios as axudas do Estado, ou en contra dun informe que axude a resolver a baixa execución dos programas de acceso á vivenda”.

Noelia Otero cualificou as previsións do goberno galego de “propaganda falaz” cando se marcaban como obxectivo construír 870 novas vivendas de promoción pública dentro do Plan de Vivenda 2015 e 2022 que ficaron en 40 inmobles construídos en apenas seis anos. Augurou un fracaso semellante para o novo anuncio do presidente da Xunta de construír 1.800 vivendas ata 2026, cando “o ano pasado fixeron 8 e en 2021 ningunha”, co que “xa non teñen tempo nin orzamento”.

Urxiu á Xunta a poñer en marcha axudas para o acceso á vivenda logo de “15 anos perdidos” para a mocidade, como demostran as taxas de desemprego por riba da media estatal, máis dificultades e máis dificultades para comprar unha vivenda. Lamentou que a única opción que o goberno galego poña enriba da mesa diante da crise demográfica sexa “seguir coas portas abertas para que marchen”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario