11 números da Revista Mazarelos

por Redacción Galicia

A historia medioambiental, a música galega na emigración cara ás Américas, as linguas indíxenas de México, o Couto Mixto e moito máis neste novo número

Chega un novo número de Mazarelos, e coma sempre vai encabezado pola obra dunha artista galega na súa capa. Neste caso atopámonos coa lámina ‘Vecinos Invasores’, de Aroa Outón.

Arranca a revista co habitual editorial da propia revista no que se reflexiona sobre a complementariedade do papel e do dixital nos proxectos culturais, así como nas formas de consumo actuais. Segue un artigo de David Miguel Rodríguez Martínez sobre a pervivencia das linguas indíxenas no territorio mexicano, centrándose no caso purépecha como representativo dunha evolución secular.

Continúa o número cun artigo de Santiago Guerra Fernández sobre a música galega na emigración, o seu mestizaxe coa tradición local e outras expresións nas Américas. Tamén Serxio María Rodríguez Álvarez presenta o caso dos pastos mistos, a tradición agrícola, a economía doméstica e as formas de explotación do Couto Mixto, pasado e presente da realidade comarcal. Arturo Real López achéganos as diferentes interpretacións sobre a transición, abrindo debate de se é un discurso crítico e imparcial ou polarizado e oportunista.

A entrevista foi realizada a Olalla López Costas e Rebeca Tallón Armada. Nesta conversa, desde o compostelán Bar Recantos, falamos sobre o proxecto PollutedPast, a situación laboral e a presencia feminina no eido da investigación arqueolóxica, a historia medioambiental, a metodoloxía transdisciplinar e moito máis.

Pechan este undécimo número María Xosé Bravo e Xosé Manoel Sánchez Rei falando da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, nacida no tardofranquismo e cunha longa traxectoria e evolución na difusión cultural galega, sobre os proxectos actuais e as perspectivas de futuro.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario