A moción presentada pola voceira do PSdeG no municipio non chegou a trámite por desacordos na forma por parte do grupo do BNG
A voceiraPSdeG-PSOE de Zas, Sheila Rial, impulsou no último pleno municipal unha moción para que se graven e retransmitan as sesións do mesmo. Porén, esta non chegou a trámite por desacordos na forma da moción por parte do grupo municipal do BNG.
“O PSdeG trouxo esta moción por crer imprescindible achegar a política municipal a veciñanza”, sinala Rial, que recalcou “o compromiso dos socialistas coa transparencia”.
Tras un debate de exposición de motivos onde os nacionalistas expresaron o seu desacordo coa presentación da moción, chegouse ao consenso de que esta quedara presentada en Mesa e se redactará un acordo, o cal se achegará aos portavoces dos grupos políticos. A votación sobre a moción presentada en Mesa foi unánime.
“Logo de que me entreguen o acordo, estudiareino e farei un seguimento para que este tema se leve ao seguinte pleno e se chegue a un consenso para que sexa posible a retransmisión e gravación das sesións plenarias”, explica Rial. “Se hai un acordo, dende logo será gracias a iniciativa presentada no pleno polo Partido Socialista”, engadiu.
A voceira socialista levou tamén á sesión unha pregunta en relación coas Bibliotecas Municipais de Zas e Baio, que se atopan pechadas en pleno inicio do curso escolar. O motivo explicado polo alcalde foi o das vacacións das persoas encargadas.
A socialista manifesta que seguirá “a traballar nesta cuestión para levar a cabo propostas que sexan unha alternativa ao peche das Bibliotecas en épocas tan importantes coma o inicio do curso escolar, cando son tan necesarias”.
Rial apunta tamén que “o PSdeG de Zas está traballando e preparando un plan de traballo para ir executando ao longo deste ano e do que vén”. “Xa temos iniciativas preparadas gracias ás demandas que nos trasladan as veciñas e os veciños”, explica.
“Aproveito para dicir que estamos a disposición das veciñas e dos veciños de Zas para que nos trasladen calquera achega que consideren, que estudaremos e levaremos a pleno na forma que máis convinte sexa”, afirmou tamén a socialista. “O PSdeG está e estará sempre a favor da veciñanza”, concluíu.