Reforzarase a estrutura da ponte e substituiranse os sillares danados, nunha actuación que ten como data de remate prevista o vindeiro 5 de outubro
O Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas anunciou o inicio da intervención urxente para consolidar a Ponte Romana. Penas explicou que «no pasado mes, un equipo especializado analizou o desgaste ao que se someteu a estrutura desde as crecidas de caudal de comezos de ano e aos impactos de árbores impulsados polas correntes», e engadiu «imos intervir no menor tempo posible para frear o desgaste da estrutura e garantir a integridade dos distintos piares da ponte».
O Goberno de Lugo actúa para frear o deterioro da ponte antes do comezo da época de choiva. Os traballos consisten na colocación de láminas de madeira hidrófuga reforzadas por unha estrutura que permitirá frear a erosión da auga. Ademais, substituiranse algúns dos sillares danados. Alexandre Penas explicou que a Tenencia de Alcaldía busca con esta intervención «garantir o mellor estado de conservación da Ponte cunha acción rápida antes da crecida do caudal do río ao remate do verán». O Goberno de Lugo executará, de cara á vindeira tempada, a restauración de todas as estruturas da ponte afectadas.
Penas anunciou que a ponte sufrirá cortes no transito peonil durante as horas de traballo debido a que «as grúas dispoñibles son máis grandes do esperado». Fóra do horario, o paso da ponte reabrirase con normalidade.
Penas lembrou tamén a importancia histórica da infraestructura, «dotada de protección integral que forma parte do Camiño de Santiago, Ben de Interese Cultural, e que se atopa encravado dentro dunha zona Red Natura 2000, en concreto na Zona de Especial Protección dos valores Naturais (ZEPVN) Parga-Ladra-Támoga».
A ponte xa sufrira danos hai un tempo, feito polo que o Concello de Lugo xa intervira a raíz das intensas chuvias rexistradas nos meses de inverno e que implicaron a caída e o arrastre de árbores ao longo da ribeira do río. A finais de xullo, explicou o concelleiro, aproveitando o baixo nivel das augas habitual de esta época del año, a Concellería de Medio Ambiente retirou os troncos que permanecían encaixados para «posteriormente proceder a avaliar os danos que afectaron a tres tallamares nos que faltan varios sillares de pedra, quedando expostos á acción da auga», especificou.
O informe foi realizado por un estudo de arquitectura con máis de 35 anos de experiencia na consolidación, reparación e rehabilitación de pontes de pedra, e recolle os danos efectuados nos pilares e nos tallamares da ponte, e recomenda executar unha solución temporal que pare a degradación das estruturas, e executar unha solución definitiva no vindeiro verán, na época de baixo caudal de auga do río, dado que os procedementos constructivos para a execución da restauración son moito máis complexos con caudal alto.