O caso de Torés pon de manifesto o mal funcionamento deste servizo e a discriminación por orixe ó estudantado do rural
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego, a iniciativa da parlamentaria Carme Aira, presenta unha proposición non de lei instando ao Goberno galego a tomar medidas para garantir o acceso ao transporte público das estudantes da ensinanza de secundaria da parroquia de Torés no concello de As Nogais.
Aira insiste en que o transporte público «debe ser un servizo fundamental que as administracións deben ofrecer á cidadanía, debido ao seu carácter vertebrador, dinamizador e democratizador da sociedade». O transporte público vén de gañar, nos últimos anos, unha importancia superior, «xa que debe exercer como un dos eixos fundamentais na loita contra o cambio climático, reducindo cada vez máis o uso dos vehículos privados e gañando en calidade ambiental», explica.
Para que estas potencialidades poidan ser explotadas, insiste Aira, «é fundamental que as políticas públicas de mobilidade sexan deseñadas en consonancia», algo que non pasa no rural galego que vive un problema maiúsculo coas súas liñas de transporte.
Na actualidade, o estudantado desta parroquia ten ascrito o IES de Becerrá, mais para chegar a el vense na obriga de ir 14Km ata As Nogais por unha estrada de montaña, perigosa e máis aínda no inverno. En As Nogais teñen que facer transbordo para percorrer os 8KM que os separan de Becerreá. Este é o periplo que as familias relataron a Carme Aira. A outra opción que lles queda é asumir ellas o custe de levar ás crianzas ata Becerrea .
Para o Grupo Parlamentar do BNG «é fundamental garantir un servizo de transporte público que permita que o estudantado dos concellos do rural galego, como é o caso de da parroquia de Torés, sexa quen de cursar os seus estudos sen ter que sufrir unha discriminación», explica Carme Aira.
Ante esta situación irregular, o BNG insta ao Goberno da Xunta a revisar a ordenación das rutas de transporte escolar e as súas paradas para adaptalas ás necesidades das crianzas así como a facer un estudo serio que permita saber se cada unha das rutas de transporte escolar deseñadas responden ás necesidades das crianzas e das súas familia.