O PSdeG da Pontenova úrxelle á Xunta de Galicia que dote de persoal suficiente ao centro de saúde do municipio

por Redacción Lugo

Leva semanas atendendo un só médico tras a baixa doutro profesional. Denuncian os socialistas que a situación é “insostible” porque o concello conta con máis de 2.000 veciños e veciñas e as citas acumulan xa un mes de atraso.

O Alcalde da Pontenova, Darío Campos, explica que levan semanas sufrindo esta situación, que “as citas xa acumulan un atraso dun mes ou máis, tamén no caso das receitas, e os pacientes crónicos non se poden estar desprazando ata o PAC de Meira cada pouco”. O Punto de Atención Continuada do municipio meirego queda a máis de 20 quilómetros e “hai moita xente maior no noso concello, e enfermos, que non teñen a posibilidade de coller o coche”.

“Baleirar o rural de servizos públicos é condenalo á súa desaparición”, lamenta o Alcalde socialista, que denuncia que a discriminación que fai a Xunta de Galicia de forma recorrente cos concellos máis pequenos “é intolerable e máis nun caso coma este, porque están a xogar coa vida das persoas”.

Denuncia Campos que o ambulatorio da Pontenova, para o que había tres prazas de médico asignadas, leva un tempo con problemas de falta de persoal. “Xa llo trasladamos en repetidas ocasións ao xerente da área sanitaria e estamos estudiando xa tomar outro tipo de medidas”, asegura o Alcalde, que anuncia que chegarán “onde faga falta” para defender os intereses da veciñanza.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario