Récord de asistentes nas actividades organizadas por Mar de Mares

por Redacción A Coruña

Desenvolvéronse arredor de 40 eventos en catro días, moitos deles no Mercado Mar de Mares instalado durante a fin de semana no Parrote, e participaron outros tantos relatores nas charlas e encontros divulgativos

O Festival Mar de Mares despídese un ano máis da Coruña con récord de asistencia nas numerosas e diversas actividades programadas na súa décima edición que, baixo o lema O mar é futuro, estivo marcada pola celebración destes dez anos de amor e coidado polos océanos. Mar de Mares segue presente na Coruña coa exposición A Coruña eterna. Historia visual I (desde hai 350.000 anos ata o século V), no Paseo da Mariña ata o vindeiro 24 de outubro. En espera do remate desta última actividade, a gran participación cidadá rexistrada durante o mes de setembro permite situar xa Mar de Mares como festival de referencia no campo do coñecemento dos ecosistemas mariños, así como nos do activismo medioambiental e a gastronomía e o ocio sostibles relacionados co mar.

Mar de Mares regresou con forza á cidade, o seu escenario natural, consolidándose como unha das súas citas imprescindibles grazas a un completo programa con arredor de 40 eventos -entre encontros inspiradores, exposicións, a estrea do I Foro Mar de Mares, ecoturismo, accións medioambientais, obradoiros gastronómicos, concertos e proxeccións de cine- e os numerosos relatores e especialistas que participaron nos encontros divulgativos e ponencias. Todas as actividades contaron cunha gran acollida por parte do público, esgotando as prazas en moi pouco tempo e con longas listas de espera.

Como todos os anos, o Festival inaugurouse coa visita á poxa da Lonxa e o almorzo mariñeiro, que por primeira vez presentaba un man a man entre dous dos mellores cociñeiros da cidade, Iván Domínguez do restaurante NaDo e Xoán Crujeiras de Bido, ambos do Grupo Nove, que elaboraron catro pratos cunha maridaxe perfecta con distintas cervexas da familia 1906.

Unha das principais novedades desta edición foi a estrea do I Foro Mar de Mares, que sentou unha boa base no seu primeiro ano para futuras edicións cunha gran acollida por parte do público. No encontro os diferentes relatores debateron sobre os usos futuros do mar, o océano como xerador dunha economía azul e sostible, os modelos de cidades costeiras nas que o mar adquire un maior protagonismo e falaron do papel dos ríos nas urbes como rexeneradores do medio ambiente e impulsores dunha cidade más amable.

A IV Gran Limpeza de Fondos Mariños Signus, que se desenvolveu na contorna do Castelo de San Antón o pasado domingo, foi unha das accións civís máis espectaculares desta edición do festival. Os 130 mergulladores e voluntarios en terra lograron retirar preto de tres toneladas de residuos (pneumáticos, plásticos, redes, latas, vidro…) na zona.

O Mercado Mar de Mares, que se instalou na explanada do Parrote durante a fin de semana, congregou a máis de 10 mil visitantes que aproveitaron o bo tempo para achegarse a degustar produtos mariñeiros de proximidade, a mercar artesanía ou participar nos encontros gastronómicos e showcookings, nas actividades divulgativas dirixidas a nenos e nenas da carpa “Baixo o Mar” ou a gozar ao ritmo de grupos como Chicharrón, Brais Morán & NASAUFUNK ou a asociación cultural Son D’Aquí, concertos que acadaron gran éxito e fixeron cantar e bailar a todos os asistentes.

Os encontros inspiradores tamén rexistraron cheo de público. Foi o caso do encontro co explorador e naturalista Nacho Dean que contou a súa experiencia dando a volta ao mundo camiñando e unindo os cinco continentes a nado. Tamén estiveron en Mar de Mares investigadores do CSIC como Fernando Valladares, expertas do mar e as redes sociais como a mariñeira María Maceiras e a mariscadora María Louro, ou Carmen Huidobro e Belén Hinojar, máis coñecidas como Climabar, que estiveron falando sobre cambio climático cunha boa dose de humor.

Outras actividades de Mar de Mares serviron para reforzar a importancia do papel da Coruña como cidade-barco que abraza o océano. Así, fixéronse paseos a pé con referencias históricas e mariñeiras coa axuda de Xurxo Souto, un percorrido para remontar o Monelos, o río coruñés por excelencia, avistamentos de aves, travesías a vela polo Golfo Ártabro ou unha visita á lonxa.

A celebración do festival, organizado pola asociación Redes de Sal, foi posible grazas tamén ao apoio institucional do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia así como de moitas outras entidades colaboradoras, entre as que están Estrella Galicia, Vegalsa-Eroski, Cátedra Emalcsa da UDC, Signus, Abanca, Afundación e Renfe.  Avalado ademais por un sinal de calidade nas súas propostas e contidos en sucesivas edicións, asinados por grandes referentes na divulgación como a Década dos Océanos da ONU, os World Press Photo, National Geographic, a BBC ou o CSIC.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario