O portavoz socialista, Martín Seco, explica que o seu grupo municipal xa presentou en xuño unha moción para pedir melloras no servizo de atención primaria e os centros de saúde de Arteixo “porque sabiamos da problemática existente coa falla de efectivos e necesitabamos o compromiso do goberno local para esixirlle á Xunta solucións ante un verán incerto”.
Segundo, Martín Seco, “o PP, como sucede con cada cuestión que afecta á Xunta de Galicia, se lava as mans e perde toda a capacidade reivindicativa que amosa cando as institucións non son gobernadas polo seu partido”.
O edil socialista sinala que no verán na atención primaria “foi nefasta”, “cunha xubilación, baixas e vacacións sen cubrir”, que produciu listas de espera inaceptables para a atención da veciñanza e que moitos enfermos crónicos “incluso tivesen problemas para obter a súa medicación”.
“Dos 4 médicos máis 1 deslizante, só estiveron traballando 2, un deles titular e outro cubrindo”
Martín Seco, engade. “E con relación a pediatría, só contábamos con 2 dos 4 que tiñan que figurar nos nosos centros; no caso das matronas tiñamos só unha substituta para as dúas que deberan de estar traballando”. Por todo isto, o Grupo Socialista no Concello de Arteixo quere saber cales foron as iniciativas que levou a cabo o goberno local para esixirlle á Xunta un correcto funcionamento dos centros de saúde de Arteixo, despois da moción presentada polo grupo socialista no pleno do mes de xuño