O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións de dúas entidades deportivas lucenses beneficiadas coas diferentes ordes de axudas dispostas ao longo do presente curso pola Xunta de Galicia.
En primeiro lugar, o mandatario galego visitou as instalacións do Club Gravitty, que recibe 25.000 euros ao abeiro da Orde para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora das instalacións de entidades deportivas. Neste caso, o club lucense de ximnasia e baile deportivo está a levar a cabo obras de adecuación e mellora do interior dunha da súas naves situadas no Polígono do Ceao e que conta cun orzamento global de máis de 32.000 euros (32.265,27 euros), sendo o 77% achegado pola Xunta de Galicia.
Estas obras do Club Gravitty corresponden a un incremento da súa actividade e ao alugamento dunha nova nave para poder realizar toda a súa actividade. Neste sentido, Lete Lasa destacou a gran progresión do baile deportivo, disciplina que será olímpica en París 2024 a través do break dance. Galicia xa conta coa súa propia federación dende novembro de 2022 e coa Liga Xunta de Galicia de Breaking, que camiña pola súa terceira edición. O secretario xeral para o Deporte lembrou asemade que, neste mesmo mes de setembro, Alicia Babarro e David Amor, proclamáronse campións de España de Breaking nas categorías xuvenil e sub21, respectivamente. A nova nave do Club Gravitty, que servirá para dar cabida ás actividades de ximnasia rítmica, acrobática, artística, trampolín, pole sport e parkour converterase no único centro integral de ximnasia da provincia lucense.
A continuación, Lete Lasa e Javier Arias trasladáronse ao Club Fluvial de Lugo que, neste caso, foi beneficiario de dúas ordes de axuda da Xunta: a Orde para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora das instalacións de entidades deportivas e a Orde para a concesión de subvencións a clubs deportivos galegos con licenzas de deportistas con discapacidade, para a adquisición de equipamentos deportivos para deporte adaptado.
No primeiro caso, o Club Fluvial de Lugo recibiu unha axuda de 25.000 euros para o circuíto de crossfit e carreiras de obstáculos. Máis polo miúdo, levará a cabo o peche do circuíto e acondicionamento do percorrido cun investimento de máis de 40.000 euros (40.857,83) dos que a Xunta achega o 62%. Unha vez rematadas estas obras, o Club Fluvial levará a cabo a montaxe dos obstáculos do circuíto deportivo. Lete Lasa destacou as carreiras de obstáculos como unha disciplina deportiva que conta co apoio da Xunta como a Gladiator Race que vén de celebrarse na Cidade da Cultura.