O BNG defende Vigo como sede da FAO da Rede Global de Portos Azuis

por Redacción Vigo

Carme da Silva intervirá por primeira vez no Senado para defender un sistema de financiamento xusto para Galicia e as entidades locais

A senadora por Galiza, Carme da Silva, rexistra iniciativas para que o Goberno do Estado estude a posibilidade de formalizar a solicitude diante da FAO para que Vigo acolla a súa Sede da Rede Global de Portos Azuis. A senadora nacionalista defende que a cidade se converta nun verdadeiro referente mundial da estratexia de Crecemento Azul e procura a máxima cooperación institucional para acadalo. Así mesmo, da Silva estrearase na cámara baixa este martes, 3 de outubro, defendendo un sistema de financiamento xusta para Galiza e as entidades locais.

Nas portas dunha nova edición da Feira de Conxemar, onde en 2019 se materializaba unha proposta concreta para que Vigo fose referente portuario a nivel internacional, a senadora por Galiza, Carme da Silva, anuncia o rexistro de iniciativas para  conseguir que Vigo acolla a sede da FAO da Rede Global de Portos Azuis.

Para conseguilo, sinala da Silva, é preciso que o Goberno do Estado inicie un proceso de diálogo con todas as administracións públicas implicadas “a comezar pola Xunta de Galiza e a Autoridade Portuaria de Vigo”. Na súa opinión, ademais da máxima cooperación institucional, é preciso “que as diferentes administracións leven a cabo esforzos concretos e suficientes” mais, a día de hoxe, non se teñen acreditado.

Cabe lembrar que o pasado 12 de xullo de 2022, a Autoridade Portuaria de Vigo, Portos do Estado, a Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España e a Consellería do Mar da Xunta de Galiza, subscribían conxuntamente unha Declaración Institucional expresando o seu compromiso compartido para impulsar a economía azul para un futuro sustentábel.

“Nesa liña tamén inserían o obxectivo de que Vigo fose un referente portuario a nivel internacional, nomeadamente nas actividades pesqueiras, e acollese a Sede da Rede Global de Portos Azuis da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO)” lembra Carme da Silva.

Primeira intervención na cámara alta: a voz de Galiza no Senado

A senadora de designación autonómica, Carme da Silva, intervirá por primeira vez na cámara alta para defender os intereses das e dos galegos este martes, 3 de outubro, no primeiro pleno do Senado. A senadora, membro do BNG, defenderá un novo sistema de financiamento, xusto para Galiza e as entidades locais galegas, durante o debate e votación dunha moción socialista.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario