As Xuventudes Socialistas de Galicia instan aos concellos galegos a realizar inspeccións de seguridade nos locais de ocio nocturno. Tras a traxedia que tivo lugar en Murcia esta fin de semana, a organización moza do PSdeG-PSOE reflexiona sobre a falta de seguridade que aínda existe nalgúns locais deste eido no país e que o ocorrido en Murcia se podería dar en calquera outra parte de España.
Para coordinar estas inspeccións, as XSG pídenlle á FEGAMP a súa implicación para asegurar que estas se dan en todos os concellos galegos unha vez se constitúa novamente con funcións plenas a partir da asemblea convocada para o 15 de novembro, na cal se dará por remata a renovación posterior ás Eleccións Municipais do 28M.
Elena Cordero, Secretaria de Ocio da Comisión Executiva Nacional Galega (CENG) das XSG , reclama o cumprimento íntegro da normativa en materia deste tipo de eventos e o desenvolvemento de plans de seguridade “que non sexan de adorno”. “Estamos a falar das vidas de moitas persoas, esencialmente xente nova, e unha nova traxedia deste tipo se pode dar en calquera momento, explica. Ademais insiste na idea de que “non só pode ocorrer en locais coa documentación en regra, senón tamén en locais de ocio nocturno clandestinos con consecuencias previsiblemente moi graves”.
Por outra banda, a organización socialista moza, en palabras do seu Secretario Xeral, Xurxo Doval, solidarízase coas familias e amizades das persoas falecidas e feridas na traxedia ocorrida en Murcia esta pasada fin de semana e destaca que algo así “non pode volver ocorrer”. “Os nosos pensamentos están con eles, porque sabemos ben que puideramos ser calquera de nós”, explica.
Fotografía 112 Murcia