O BNG formula unha moción para que nos tribunais dos procesos selectivos de emprego público do Concello da Coruña exista unha/un observadora sindical

por Redacción A Coruña

Representaría a Xunta de Persoal, tería voz, pero non voto, e aumentaría as garantías de a provisión de postos de traballo no Concello respectar os principios de igualdade, mérito e capacidade, transparencia e imparcialidade

O concelleiro do BNG David Soto vai defender no Pleno do vindeiro xoves 5O unha moción para que nos tribunais dos procesos selectivos de emprego público do Concello figure unha persoa en representación da Xunta de Persoal.

Trataríase dunha/un observadora sindical con voz, pero sen voto, e o propósito de introducir esta figura -que, por exemplo, existe en institucións como a Universidade da Coruña, a Deputación de Huesca ou o Concello de Madrid- sería aumentar as garantías de que a provisión de emprego público se faga con pleno respecto dos principios de igualdade, mérito e capacidade, transparencia e imparcialidade dos membros do tribunal.

Na exposición de motivos desta iniciativa, Soto remarca que “non se trata de nomear persoas que representen organizacións sindicais”, algo que a lexislación prohibe, “senón que exerzan de observadoras imparciais do proceso”. “Polo tanto”, acrecenta, “a súa intervención debería ser con voz, pero sen voto” e debería materializarse na redacción dun informe.

Esa persoa, que debería ser nomeada pola Xunta de Persoal, tería que ter acceso “a toda a documentación da convocatoria, ás sesións do tribunal, aos exercicios da oposición e á valoración do concurso”.

En todo caso, e así o defende o BNG no punto dous desta moción, as funcións da/o observadora/o sindical “deben ser obxecto de regulación expresa” froito da negociación “do Concello coa Xunta de Persoal”.

A xuízo de Soto, a posibilidade de impugnar ante os tribunais o resultado dos procesos selectivos é unha garantía necesaria, pero non suficiente, para asegurar que a escolla do persoal se faga de maneira xusta. E iso por dúas razóns: porque as persoas afectadas poden desistir de formular recursos perante o temor a sufrir represalias en procesos selectivos posteriores e porque “o carácter técnico do procedemento pode ser un atranco á hora de comprender os resultados e activar os mecanismos de revisión”, alega o concelleiro nacionalista.

É por isto que cómpre reforzar as garantías e o nomeamento de observadoras/es sindicais iría nesa dirección.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario