A Xunta reafirma o seu compromiso a prol do sector da castaña

por Redacción Galicia

O Goberno galego traballa para recuperar 8.000 hectáreas de soutos e plantar máis de 16.000 hectáreas de castiñeiro para a produción de madeira e froito

O II Foro da Castaña estase a celebrar no concello ourensán de Riós para reunir a representantes do sector para fomentar a participación colectiva, o intercambio de información e establecer canles de comunicación entre os axentes que interveñen na cadea de valor do castiñeiro. A Xunta participa nesta xornada e o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, asistiu á inauguración deste encontro, no que incidiu na súa importancia para recuperar terra sen produción.

Na súa intervención, José Luis Chan estivo acompañado polo presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Rosendo Fernández, e pola alcaldesa de Riós, Eva Barrio. Nela, puxo en valor o Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña en Galicia que prevé recuperar 8.000 hectáreas de soutos e de plantar 16.000 máis que se destinarán para a produción de madeira e froito desta especie, enmarcado no Plan Forestal 2021-2040 “Cara a neutralidade carbónica”.

A Xunta, a través da Consellería de Medio Rural, financia este foro trala firma dun convenio co Inorde polo que se lle concedeu unha subvención para a participación do Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós para levar a cabo un programa específico de identificación, restauración e promoción de xestión forestal activa e sustentable.

Outro dos temas que resaltou foi a futura orde que establecerá modelos de estatutos para agrupacións forestais de xestión conxunta e os modelos tipo para constituír dereitos de uso e aproveitamento en Galicia. Salientou que esta norma busca impulsar a creación deste tipo de entidades que teñen obxectivo a protección do ambiente, a prevención dos incendios e o fomento do desenvolvemento rural.

Cómpre destacar que en Galicia hai preto de 50.000 hectáreas de castiñeiro e os soutos abarcan unha superficie de 27.000 hectáreas. A súa presenza é maioritaria no interior e nas montañas de Ourense e Lugo, cunha produción duns 20 millóns de quilos. Ademais, estes produtos están amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, garantindo un selo de calidade.

Foro da Castaña

Nesta xornada inaugural, dous representantes da Xunta tamén ofreceron dúas charlas para os asistentes. O xefe de servizo de Saúde e Vitalidade do Monte, José Martel, falou sobre as pragas e as enfermidades que sofren os castiñeiros en Galicia e de que xeito está actuando a Xunta para xestionalas.

Por outra banda, Raquel Blanco, da Áreas de Soutos da Consellería de Medio Rural, abordou os beneficios das agrupacións de xestión conxunta como ferramenta de recuperación de soutos. A isto engadiulle o plan piloto que se está a desenvolver en Galicia.

O Foro da Castaña de Riós rematará mañá cunha última xornada na que se realizará unha visita técnica á comarca do Bierzo, en León.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario