Urxe a Rueda a “tomar cartas” e investigar o ocorrido nas residencias de maiores no canto de “represaliar” ao funcionariado que denunciou que altos cargos da Xunta daban “chivatazos” para advertir das inspeccións
O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, subliñou hoxe no Parlamento que o goberno da Xunta vai como “un polo sen cabeza en política económica e de emprego”, toda vez que o presidente Alfonso Rueda se atopa “fóra de xogo” e sen orientación, discurso ou plantexamento. “Amósase incapaz de liderar un proxecto para a vindeira década”, advertiu.
Así o dixo no transcurso dunha pregunta sobre a evolución do emprego, a evolución demográfica e a falla de oportunidades laborais en Galicia; o cal está incidindo na caída de poboación que houbo en Galicia nos últimos anos. “Fai falla compromiso por parte da Xunta”, subliñou Gonzalo Caballero, “preocupado” porque Feijóo deixou logo de 13 anos “unha Galicia máis cativa, con 65.000 traballadores menos e con 100.000 habitantes menos”.
Precisamente, relacionou ese feito cos “xiros radicais” do PP en materia de política económica e de emprego, tanto na Xunta como a nivel estatal. Ata o punto, recordou, de que Feijóo pasou “de criticar a reforma laboral a apostar por mantela intacta” e “de criticar a suba do salario mínimo interprofesional a prometer que o subiría aínda máis” no caso de ser presidente.
Fronte ás “ocorrencias” e a unha lei de impulso demográfico xa convertida en “papel mollado”, o tamén economista vigués explicou que Galicia precisa de “emprego de calidade, vivenda pública a prezos asequible e uns servizos públicos dignos” para converterse nun polo de atracción de novos habitantes, para evitar que os galegos sigan marchando na busca de oportunidades e para facilitar o impulso da natalidade.
No punto no que estamos, afondou Gonzalo Caballero, “Galicia non pode perder o tempo”, de xeito que emprazou ao goberno galego a artellar un plan que faga da nosa comunidade un territorio “puxante e vibrante, con capacidade de crear riqueza e emprego”.
Inspeccións das residencias de maiores
En paralelo, logo de requirir á Xunta “boas políticas que dean calidade de vida e benestar aos galegos e ás galegas”, Gonzalo Caballero esixiu á Xunta que “tome cartas” e ordene unha investigación sobre as denuncias de posibles “chivatazos” de inspeccións nas residencias de maiores por parte de altos cargos da Xunta.
Debe quedar claro que a Xunta apoia a investigación sen buscar “tomar represalias» nin coaccionar aos «inspectores que denunciaron estes chivatazos de altos cargos da Consellería de Política Social avisando das inspeccións ás residencias”, tal e como publican os medios de comunicación, o responsable socialista reclamou que “se investigue para garantir limpeza e transparencia, e que non haxa sombras de dúbida sobre o funcionamento dos servizos públicos”.