O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García López, participaron hoxe nas xornadas apícolas do Eume, organizadas pola Casa do Mel das Pontes, un acto no que se celebrou tamén o 20º aniversario da entidade.
Nestas dúas décadas, a Casa do Mel destaca como unha iniciativa singular dedicada á promoción da apicultura e da calidade do mel que se produce no municipio e na comarca do Eume.
Durante o acto, a Casa do Mel, que conta xa con máis de 600 socios e socias no municipio, entregou distintos recoñecementos a institucións públicas, entidades e persoas que destacaron polo seu apoio á Casa do Mel durante estas dúas décadas, entre elas a Deputación da Coruña e o Concello das Pontes.
Valentín Formoso, Rosa Ana López e a concelleira pontesa Elena López agradeceron o galardón e destacaron o valor que teñen os produtos de proximidade, coma o mel do Eume, tanto para o mantemento da tradición como para a creación de oportunidades e desenvolvemento do mundo rural.
Incidiron tamén na importancia da Casa do Mel como ferramenta de impulso para a cooperación entre os apicultores, creando unha cooperativa para fortalecer o potencial da comarca neste eido e facilitando a súa comercialización.
As Pontes acollerá mañá unha nova edición da tradicional Feira do Queixo e da Mel de Goente, na que veciños e visitantes pdoerán seguir gozando dos dous produtos máis populares da gastronomía local da man dunha vintena de artesáns que mostrarán a a calidade dos produtos.