Luis Álvarez presentará no DEA unha «alternativa socialista de progreso fronte ao proxecto esgotado e de fin de ciclo» de Rueda e o PP 

por Redacción Galicia

Os galegos e as galegas non quere un presidente que convide a cañas nin que vaia «pintar a mona» á TVG, senón que xestione e dea solución aos seus problemas” 

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, anunciou que intervirá no Debate do Estado da Autonomía desta semana para presentar unha “alternativa de progreso” para Galicia fronte ao “proxecto esgotado e de fin de ciclo persoal” que representan Rueda e o PPdeG. Afeoulle a Rueda que faga do debate “o primeiro mitin dunha longa campaña electoral”.

Explicou que “os galegos e as galegas non queren un presidente da Xunta que convide a cañas nin que vaia pintar a mona á TVG” -parafraseando a expresión que empregou o propio Rueda antes de participar nun programa televisivo-, senón que “queren un presidente que xestione e dea solución aos seus problemas”. Advertiu que o presidente da Xunta da a Lexislatura “por esgotada” e demostra a súa “incapacidade para establecer un programa e un proxecto de país”.

Lamentou que esta “campaña de promoción persoal” do presidente da Xunta inclúa o intento de “subverter o Parlamento e convertelo nun plató para os seus actos de propaganda”, polo que o seu obxectivo será “poñer a Rueda fronte ao espello e facerlle ver as consecuencias do seu desleixo”.

Propostas de resolución

O responsable socialista adiantou que tanto a súa intervención do luns como as propostas de resolución que presentarán a continuación os socialistas galegos centraranse na defensa dos servizos públicos de calidade e o reforzo da actividade económica, o emprego estable e na recuperación da crise demográfica.

Anunciou un “proxecto alternativo” que aproveite ao máximo o autogoberno de Galicia para superar a situación de crise da Comunidade Autónoma logo de 14 anos de goberno do PP baixo a presidencia de Feijóo e Rueda. Contrastará a súa intervención pegada á realidade de Galicia cun PP e un Rueda que “confunden a función o Parlamento para empregalo como arma contra o goberno central”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
1 Comment