Besteiro esíxelle a Rueda “corresponsabilidade” e que “aplique ás autopistas da Xunta a gratuidade que pide para ás do Estado”

por Redacción Galicia

O voceiro do Grupo Socialista demanda “o mesmo trato” para os usuarios e usuarias das vías autonómicas que para os que circulan polas de titularidade estatal

O portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou esta mañá unha batería de medidas para liberar de peaxes as autopistas AG-55 (A Coruña-Carballo) e AG-57 (Puxeiros-Val Miñor), das que é titular a Xunta de Galicia. “Se pedimos a gratuidade para as do Estado, tamén para as que son galegas, porque non podemos facer distincións”, explicou sobre a necesidade de dar “o mesmo trato” aos usuarios e ás usuarias tanto das vías autonómicas como das estatais.

Besteiro lembrou que a autopista AP-9 tería que ser gratuita “dende o ano pasado”, de non ser pola ampliación da concesión que aprobou hai 20 anos o Goberno de José María Aznar,  unha medida cuxa legalidade está a ser analizada por parte da UE. Tamén recordou que esa autopista conta na actualidade con bonificacións grazas ao esforzo orzamentario que está a facer o Goberno central.

O voceiro socialista subliñou, á vez, o apoio do PSdeG tanto á gratuidade da AP-9, xunto coa AP-53, como ao seu traspaso a Galicia, e interpelou ao presidente da Xunta para que solicite a reunión da Comisión Mixta de Transferencias entre a Xunta e o Estado.

A dita comisión referiuse como o marco axeitado “para falar diso e doutras cousas, como a lei do litoral, tal como diciamos os socialistas hai xa un ano”. Por ese motivo, apelou á “racionalidade a ao sentido común”. “Se todos estamos de acordo, o que hai que facer é instar a que se reúna a comisión” e evitar “perder tempo noutras cousas”, dixo. “A pregunta —insistiu— é se o presidente da Xunta fixo os deberes e a pediu”.

José Ramón Gómez Besteiro sinalou na súa comparecencia que o Partido Socialista “vai apoiar esa gratuidade e ese traspaso”, pero “entendo que debemos perdirlle ao Estado o mesmo que estamos dispostos a facer aquí”, dixo.

O portavoz criticou que o PP votara no pleno do Parlamento de Galicia celebrado a semana pasada contra unha emenda coa que o Grupo Socialista reclamaba o mantemento das bonificacións das peaxes mentres non se acadaba a gratuidade da AP-9, e defendeu que “o camiño cara a gratuidade exemplifícase nesas bonificacións” por parte do Estado.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario