Este luns ADEGA desenvolve unha xornada teórico- práctica sobre as plantas invasoras no río Tea, nos espazos custodiados no marco do Proxecto Fluviatilis: custodia para a resiliencia
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, no marco do Proxecto Fluviatilis, continúa coas actividades de xestión e control da flora exótica invasora a través dunha nova xornada teórico-práctica de voluntariado ambiental.
Despois das actuacións realizadas nos ríos Tambre e Limia, ADEGA trasládase agora ao Tea, ao seu paso por Pasos de Tatín, en Covelo. A sesión ten lugar en xornada de mañá este mesmo luns 9 de outubro e nela farase unha introdución á problemática das especies exóticas invasoras, un inventario das presentes no río Tea e unha explicación dos métodos empregados anteriormente por ADEGA para a eliminación de especies herbáceas e arbóreas da zona.
Así, o río Tea é unha das zonas de actuación propostas por ADEGA para a realización de actuacións de control da flora exótica invasora mediante xornadas de voluntariado. A actividade tamén está dirixida a establecer un marco operativo e seleccionar as metodoloxías axeitadas que permitan abordar con éxito futuras actuacións de eliminación, restauración fluvial e implantación de solucións baseadas na natureza.
As actividades, tanto de xestión e control das EEI como de educación, sensibilización e voluntariado ambiental dirixidas a distintos públicos, son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
O obxectivo final deste proxecto é dar a coñecer os problemas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais e facilitar a participación da cidadanía na súa xestión mediante accións de voluntariado ambiental, para promover actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos.
A xornada ten o seguinte programa e contidos:
9.20 Presentación e recepción
9.30 Traslado á zona de traballo no río Tea
9.45 Introdución ao problema das especies exóticas invasoras
10.15 Inventario de especies exóticas invasoras no río Tea
11.00 Explicación da eliminación de EEI herbáceas e arbóreas
12.15 Avaliación da xornada
12.30 Peche da xornada