O Coordinador Nacional de Podemos Galicia lamenta que no Debate do estado da Autonomía «se pasou de puntillas nun tema vital para as galegas»
Borja san Ramón volveu a reclamar unha Lei Galega de Saúde Mental aproveitando a conmemoración que se celebra este 10 de outubro. O líder morado destacou que “Galicia é a segunda Comunidade Autónoma con maior taxa de suicidios do Estado, e Lugo a primeira provincia”. Asemade, tamén lamentou que “en termos de psicólogos e psiquiatras por habitante contratados polo Sergas, estamos á cola do Estado, que á súa vez está a cola de Europa”.
San Ramón aseverou que esta falta de profesionais na Sanidade Pública galega déixaa nunha situación de “colapso”. “O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia acaba de anunciar que a primeira cita en atención psicolóxica ten un tempo de espera de entre 2 e 12 meses segundo a área sanitaria”, denunciou. “Ademais, con respecto a esta asimetría territorial, afirmou que “para a Xunta existen galegas de segunda e de terceira, nin sequera os tempos de espera máis baixos son aceptables”, engadiu.
O Coordinador Nacional da formación criticou que no Debate do estado da Autonomía se pasara por este tema “sen darlle a debida prioridade”. Para San Ramón “todos os datos e indicadores demostran que a situación en Galicia é catastrófica, pero a realidade social non ten cabida na súa burbulla de catro paredes”.
Neste senso, a proposta de Podemos Galicia é a creación dunha Lei Galega de Saúde Mental que permita reforzar os equipos de atención psicolóxica en centros de saúde e hospitais públicos e “investir todos os recursos necesarios ata reducir as listas de espera imposibles”. Asemade, tamén plantexan a creación dos ETAC (Equipo de Tratamento Asertivo Comunitario), unha unidade destinada a atención no fogar para persoas con trastornos que teñan dificultades para desprazarse dende o seu domicilio ata os centros de atención.