O Concello da Coruña investirá máis dun millón de euros no parque municipal de Bombeiros

por Redacción A Coruña

A Xunta de Goberno Local, reunida este mércores en sesión ordinaria, aprobou as contribucións especiais para a ampliación do servizo de extinción de incendios

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se deu luz verde ao proxecto da ordenanza fiscal reguladora das contribucións especiais para a ampliación do servizo de extinción de incendios, que neste exercicio anual contempla unha partida de 1.162.425 euros, con vistas a mellorar os equipamentos do equipo de profesionais do parque municipal de Bombeiros.

Ditas contribucións recadaranse grazas ao tributo asumido polas empresas aseguradoras baseándose no acordo asinado entre o Concello e a «Gestora de Conciertos para la Contribución a los Servicios de Extinción de Incendios». A contía máxima que se pode financiar con cargo ás contribucións especiais é dun 90%, de forma que o restante 10%, como mínimo, pode financiarse polo Concello a través de recursos propios ou préstamos.

Este ano, e co obxectivo de reforzar os equipamentos e as infraestruturas do parque municipal de Bombeiros de Agrela, o Concello ten previsto levar a cabo diversos investimentos como a adquisición de novos equipos de protección individual e material de rescate (390.000 euros); tamén unha nova moto acuática, unha autoescada e un vehículo lixeiro para transporte de persoal (445.555 euros).

«Desta forma, reforzamos a frota marítima dos Bombeiros da Coruña, que xa contan actualmente cunha embarcación e dúas motos de auga para afrontar situacións de emerxencia coma os rescates de persoas no mar», subliñou Inés Rey.

Por outra banda, tamén se acometerá a cubrición da área de estacionamento exterior do parque de Bombeiros (220.000 euros), coa instalación dunha nova estrutura metálica que servirá para protexer os vehículos fronte ás inclemencias meteorolóxicas.

A maiores, está previsto habilitar unha nova rede de comunicacións para os profesionais do corpo de Bombeiros (236.028 euros). Este equipamento cofinanciarase co orzamento das contribucións especiais e cunha achega de fondos municipais.

Encomenda a EMVSA para banco de vivendas de alugueiro

Noutra orde de asuntos, o Goberno municipal autorizou este mércores a ampliación, por un ano máis, da encomenda á Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA) no referente á posta en marcha dun banco de vivendas de alugueiro destinadas a colectivos con dificultade de acceso á vivenda. Esta ampliación suporá un investimento máximo de 325.000 euros con cargo aos orzamentos do vindeiro ano 2024.

Balance de licenzas

Tamén hoxe, a Xunta de Goberno Local tamén fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 22 de setembro e 5 de outubro, con 197 expedientes notificados, dos que 13 foron licenzas urbanísticas e 124 foron obras en réxime de comunicado.

Na súa intervención, Inés Rey destacou, como expediente particular, a concesión de licenza a «Merlín Retail» para levar a cabo as obras de reestruturación parcial no edificio onde anteriormente tiña actividade comercial El Corte Inglés, en Marineda City.

«Merlín Retail», que adquiriu na súa totalidade o edificio, ten previsto acometer un investimento de máis de 23 millóns de euros para remodelar unha ampla superficie, a repartir entre a planta baixa, así como o primeiro, segundo e terceiro andar, onde tamén está previsto que haxa actividades comerciais e establecementos de venda.

O prazo para iniciar as obras será de seis meses, e deberán completarse nun máximo de 13, desde que se poñan en marcha os traballos.

Licenza para a construción dun novo supermercado en Xuxán

Ademais, tamén hoxe, concedeuse licenza a Vego Supermercados para a construción en Xuxán dunha nave comercial que tamén contará cunha área de estacionamento en superficie, cuberta. Esta nova área comercial estará localizada na contorna do que actualmente é o principal punto de acceso ao barrio de Xuxán, preto da avenida de Monelos e nas inmediacións do Barrio das Flores e Eirís.

A construción da nave levarase a cabo nunha superficie de algo máis de 6.400 metros cadrados, e os traballos contan cun orzamento de algo máis de 1,5 millóns de euros. Unha vez concedida a licenza, as obras terán que comezar en seis meses e rematarse antes de 36 meses.

«Desta forma, e en paralelo aos traballos que está levando a cabo o Concello para urbanizar os espazos públicos entre Xuxán e Matogrande, facilitamos a creación e dotación de negocios e áreas comerciais para dinamizar o barrio», subliñou a rexedora.

Ademais, a Xunta de Goberno Local tamén autorizou a concesión de licenza para a construción dun edificio no último soar baleiro no sector leste da avenida de Arteixo. É, concretamente, o nº 132 da avenida, na beira correspondente aos Mallos-Sardiñeira.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario