A Xunta avanza no desenvolvemento da Rolda Leste de Lugo “buscando o maior consenso”

por Redacción Lugo

O Goberno galego á vista do proceso de información pública e tendo en conta as alegacións recibidas e os informes recadados decide someter a unha nova declaración de impacto ambiental o proxecto da Rolda Leste

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, anunciou hoxe que ante as alegacións presentadas e informes recadados no período de información pública, a Xunta vai someter a unha nova declaración de impacto ambiental o proxecto da Rolda Leste.

Arias sinalou que «antes de que conseguiramos o financiamento para executar este proxecto, todos entendían que era fundamental para a cidade, pero acadados os máis de 20 millóns de euros necesarios e mellorando o proxecto orixinal para que tivese un impacto mínimo no paseo do Rato comezaron os paus nas rodas, e unha infraestrutura como a Rolda Leste non pode xerar división, senón acordo e consenso».

A Xunta segue traballando no impulso desta infraestrutura, pensada para un Lugo en grande, polo que continuará desenvolvendo este proxecto coa maior seguridade xurídica e buscando un gran consenso.

O Goberno galego volverá solicitar os informes sectoriais e os estudos que sexan precisos, «porque é unha obra de gran calado e consideramos que merece un gran acordo do que poidan participar as distintas administracións e colectivos sociais», afirmou o delegado.

A Xunta porá marcha o procedemento inmediatamente co fin de non demorar máis do indispensable esta obra, na que prevé investir máis de 20 millóns de euros.

O novo tramo da Rolda Leste pechará o anel de circunvalación establecido no PXOM de Lugo e, polo tanto, o percorrido de acceso ao HULA, desde a glorieta de enlace coa LU-530 ata a Tolda de Castela, vertebrando o sur da cidade e permitindo unha conexión máis áxil e segura, tanto cara á N-VI e a avenida de Madrid como ás áreas empresariais das Gándaras e O Ceao ou o centro comercial, entre outros.

Foto portada: Arquivo

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario