O pasado sábado o FC Meigas recibía en Bertamiráns ao CDE Leganés B, rival directo na clasificación co que empataba a 3 puntos e co que se esperaba un partido moi competido na loita pola vitoria. O encontro chegaría coa igualada ao descanso contando con ocasións para ambos pero que ningún dos dous equipos chegaba a materializar con éxito.
Xa nos primeiros minutos da segunda parte comezaría a moverse o marcador e chegaría o gol do equipo madrileño para poñerse por diante no marcador tras un erro en defensa do equipo local. O FC Meigas respondería inmediatamente conseguindo o empate nunha xogada de estratexia da man de Angy Nogueira a pase de Teresa Pereiro. E, coa mesma inmediatez, o Leganés anotaría o seu segundo tanto para poñer o 2-1 no marcador. O equipo de Ames apostaría polo xogo de 5 mediante o que conseguía empatar de novo o encontro tendo novamente como protagonistas a Tere e a Angy, pero esta vez sería Tere a que anotaría o tanto. De seguido sería o CDE Leganés B o que apostaría pola porteira xogadora conseguindo marcar só uns segundos despois o 2-3 que sería definitivo a pesares das ocasións coas que contaría o FC Meigas nos últimos minutos.
A próxima semana, o equipo dirixido por Diego Montero fará o seu primeiro desplazamento longo da tempada visitando terras madrileñas para enfrontarse ao Futsi Navalcarnero B.