O PSOE de Pontevedra impulsa unha moción para que a Administración “garanta o dereito dos avogados e procuradores mutualistas a unha xubilación digna”

por Redacción Pontevedra

A proposta dos socialistas pretende asegurar o dereito dos profesionais xurídicos e de contratación a elixir o seu sistema de cobertura, con recoñecemento da antigüidade que corresponda ás cantidades ingresadas e rescatadas, promovendo a equiparación no tratamento fiscal das cotizacións realizadas nas mutuas (como alternativa ao RETA, o Réxime Especial de Traballadores Autónomos) coas do sistema da Seguridade Social

Garantir o dereito dos avogados e procuradores mutualistas a unha xubilación digna, mediante o establecemento «unha vía ou pasarela» que garanta o dereito dos profesionais a elixir o seu sistema de cobertura e recoñeza a antigüidade que corresponda ás cantidades ingresadas e rescatadas e permita que o diñeiro depositado nas mutuas se poida incluír no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), é o principal obxectivo dunha moción presentada polo Grupo Municipal do PSdeG para o seu debate e votación no Pleno do Concello de Pontevedra. A proposta rexistrada polos socialistas solidarízase coa situación laboral na que se atopan os profesionais xurídicos e de contratación e pretende que a Administración do Estado promova unha equiparación no tratamento fiscal das cotizacións realizadas nas mutuas (como alternativa ao RETA) coas do sistema da Seguridade Social.

«Non é de xustiza -sinala a concelleira Paloma Castro- a realidade de alguén que se colexiou en 1993 e de forma obrigatoria accedeu á mutualidade, tras 30 anos de exercicio e cunha cota duns 400 euros ao mes, na simulación aos 67 anos obteña como proxección unha renda vitalicia de entre 490 e 890 euros por 12 pagas, sen que existan pagas extraordinarias na actualización da renda. Ante unha problemática que afecta a centos de avogados/as en Galicia, esiximos unha solución que garanta unhas pensións de xubilación dignas e acordes coa entrega e lealdade da Avogacía».

A moción do PSOE defende a creación, por parte do Estado, dunha comisión de estudo para a posible integración dos avogados mutualistas no sistema xeral da Seguridade Social, reivindicando a apertura dunha «xanela temporal e voluntaria» que permita que aqueles que o desexen poidan recuperar as súas achegas ao sistema público e, loxicamente, poida trasladarse o capital acumulado por ano de cotización ou na fórmula que se determine. Así, a proposta de resolución insta ao Goberno a efectuar «as actuacións e modificacións necesarias en relación cos avogados e procuradores que teñan contratado o sistema de protección social alternativo ao RETA coa Mutua de Avogados, Altermutua ou a Mutualidade de Procuradores»e a realizar «un estudo individualizado por cada mutualista, segundo a data de antigüidade, as cantidades depositadas e súa elección cara ao futuro», de xeito que se poidan atopar fórmulas equitativas e equilibradas que, garantindo a sostibilidade do sistema de pensións, asegure o dereito dos profesionais a elixir o seu sistema de cobertura».

Tal e como se establece na exposición de motivos, a cobertura da continxencia de xubilación que afectaba aos profesionais da Avogacía e da Fiscalía realízase desde 1948 a través da Mutua da Avogacía e da Fiscalía. De feito, ata 1995, a incorporación á Mutua era obrigatoria para poder exercer a actividade profesional, quedando prohibida a incorporación ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos da Seguridade Social, «o que representaba un insulto con respecto ao resto de profesionais, xa que moitos das enfermidades e desgrazas que poden ocorrer na vida quedaron sen cobertura ou obrigaron a contratar distintos servizos para non atoparse nunha situación de indefensión». «A partir de 1995 -lembra a moción- abriuse a posibilidade de incorporación ao Reta e, a partir dese momento, constituíuse a Mutua de Avogados, ben no réxime alternativo, ben no réxime complementario de protección que outorga o sistema público; un sistema que se baseou, á hora de determinar as prestacións aos seus beneficiarios, no réxime de capitalización colectiva da solidariedade interxeracional. Porén, o cesamento da obrigatoriedade de incorporación á Mutua non era unha opción real de cambio para moitos socios, xa que, se optaban polo RETA, non se permitía o rescate das achegas realizadas á Mutua. Nin sequera para destinalos ao RETA. Tampouco se contabilizou o tempo cotizado para os efectos de devengar futuras prestacións por xubilación».

Un peto colectivo convertido nun peto individual

Segundo explica Paloma Castro, «un segundo problema é que desde a Mutualidade se insta aos avogados e avogadas a continuar no sistema, ofrecendo unha pensión que entón, en 1995, se situaba nuns 600 euros… Tras cotizar 40 anos». E en 2004 entra en vigor a Lei de Seguros Privados, mudando a mutualidade de natureza, dun sistema de capitalizacion colectiva a un individual: «O sistema deixa de ser un peto colectivo co que os que traballan pagan aos que se xubilan. Cada un pasa a ter un peto individual e propio e o que acumula será o que poida percibir no momento da xubilación», subliña Castro, para a que «cómpre unha reflexión serea entre os responsables das mutuas e os propios colexios profesionais co Ministerio para que se poidan posibilitar portas e vías polas que cada profesional poida escoller libremente e sen cargas o réxime de cobertura que desexe».

«Hai moitos avogadas e avogadas que nos din que non se lles informou. A Mutualidade insiste en que se lles mandou unha carta… Á marxe de se houbo carta ou non, coidamos que algo que afecta a tantos profesionais do Dereito tería que facerse dun xeito máis transparente. Ninguén lles explicou por exemplo que esa pensión de 600 euros sería sen actualizar, é dicir, que serían 600 euros (o equivalente en pesetas) en 1995, 2005 ou 2035. Imaxinan vostedes como é vivir agora con iso? E como sería vivir en 2035 con 600 euros? Non dá para nada despois de toda unha vida de traballo e sacrificio. En consecuencia, temos no noso país a moitísimos avogados, uns 65.000, atrapados nun sistema de afiliación que lles impide moverse ao RETA cunhas mínimas garantías», sostén a concelleira do PSOE. 

Os socialistas, que tamén plantexan na súa moción a aprobación dunha Lei orgánica do dereito á defensa que recolla as garantías necesarias para o exercicio destas profesións nas mellores condicións laborais e económicas, consideran necesario estudar a compatibilidade da cobranza da pensión co exercicio profesional (a xubilación parcial), melloras fiscais nas cotizacións e que estas rendas coticen como rendas do traballo e non teñan unhas cotizacións moi por enriba das de calquera pensionista. Paloma Castro considera necesario «consultar coa Seguridade Social para coñecer en que afectaría a ‘pasarela’ proposta, xa que non debemos esquecer que serán decenas de milleiros de profesionais os que poden pasar ao seu sistema». «Hai que facer números e plantexar un estudo serio», defende.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario