Os políticos distorsionan a información relativa ós Bomberios dos Consorcios Provinciais

por Redacción Galicia

O colectivo de bombeiros comarcais dos catro consorcios provincias de Extinción de Incendios e Salvamento de Galicia, vimos reafirmando desde que estamos en folga, o feito de que non se está a trasladar de xeito adecuado a información relativa á nosa situación aos distintos líderes políticos.

Por moitas discrepancias que teñamos cos nosos mandatarios, os motivos das súas posicións non poden ser a ignorancia, a despreocupación ou a falta de interese en resolver este conflito que chegou máis lonxe do desexado. “Está claro que aquí hai alguén que non está a trasladar a información como debera, e iso está a ter consecuencias”, matiza Honorino Raña, secretario do Comité de Folga.

A desatención total e as posicións neglixentes por parte das administracións, son o motivo principal polo que as posturas dos traballadores se afianzan cada día con máis rotundidade. “Sen dúbida algunha este trato que estamos a recibir vai elevar as pretensións dos traballadores, xa que se antes estabamos a demandar a carga horaria de calquera auxiliar administrativo, é probable que agora ninguén acepte outro horario que non sexa o dun bombeiro.” puntualiza Ángel Moldes, presidente e voceiro do Comité de Folga. Álvaro Negreira, compañeiro do mesmo Comité recorda que “A nosa proposta de convenio colectivo non contemplaba ningunha medida social. Igual deberamos reformular unha proposta máis acorde á profesión e aos tempos que corren”. Pola súa parte, José Luis Pareja, tamén representante dese colectivo esgrime que “O meu convenio colectivo actual é do ano 2007. Todos os bombeiros comarcais de Galicia temos claro que este novo convenio vai ser co que nos xubilemos, pois rondamos unha media de idade de 50 anos.” Héctor Fernández conclúe “Todo o que solicitamos no seu día era o xusto para calmar a situación de indignación que sentiamos en xuño, mais esa indignación medrou e moito polo trato insultante das administracións durante estes últimos meses.” Con todo, segundo Moisés Fernández “o Comité de Folga avoga por resolver este conflito canto antes, entendendo que aínda estamos a tempo de calmar as augas e aplicar a proposta formulada o pasado 13 de xullo”.

O COMEZO DA SOLUCIÓN

Logo de escoitar aos traballadores o pasado día 20 de novembro en asemblea xeral, na que bombeiros de todos os parques comarcais de Galicia se deron cita en Santiago de Compostela, e tras analizar os cambios de postura nas relacións coas diferentes administracións desde comezos de ano, só se atopa un elemento en común. Unha persoa que se estivo adicando a dinamitar as pontes que se estaban a construír coas diferentes deputacións, e que resulta ser o nexo común entre as entidades provinciais e a propia Xunta de Galicia, formando parte de todos os Consorcios de Bombeiros: o Director Xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva Álvarez.

Por acordo asembleario este Comité de Folga fai público hoxe a posición unánime do colectivo de bombeiros comarcais de Galicia de:

SOLICITAR CON CARÁCTER DE URXENCIA A DESTITUCIÓN E CESE DO ACTUAL DIRECTOR XERAL DE EMERXENCIAS E INTERIOR, O SEÑOR SANTIAGO VILLANUEVA ÁLVAREZ, POLA SÚA NEFASTA XESTIÓN NO ACTUAL CONFLITO DE BOMBEIROS, DEFENSOR DO MODELO DE XESTIÓN PRIVADA DOS SERVIZOS DE EXTINCIÓN DE INCENDIOS E SALVAMENTO, QUE NA SÚA POSICIÓN DE INTERLOCUTOR NESTE CONFLITO, ESTÁ A DISTANCIAR AS POSTURAS, DISTORSIONANDO A MENSAXE, MENTINDO, DIFICULTANDO E IMPEDINDO O DIÁLOGO ENTRE AS PARTES.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario