Ante a recente sentenza que declara nulo o informe a partir do cal o Sergas optou por ubicar o novo hospital onde se atopa o actual -en realidade, estaríamos a falar dunha ampliación-, a concelleira do BNG Avia Veira pon en destaque que “a Xunta nin cumpre os prazos de construción dun novo hospital nin atende as necesidades da Coruña en materia sanitaria e nomeadamente aquelas que teñen a ver co reforzo da atención primaria”.
Veira salienta que xa no momento en que a Xunta puxo enriba da mesa a súa proposta inicial de convenio co Concello, o BNG cualificou o novo CHUAC de “hospital cortina de fume”, pois estabamos claramente “ante un anuncio que se facía para tapar todas as deficiencias da política sanitaria da Xunta en relación á nosa cidade”.
O BNG si defendía unha ubicación alternativa para o hospital, resalta Veira. “Propuxemos localizalo nos terreos liberados do porto, con conexión co tren de proximidade que fose froito do aproveitamento do tendido ferroviario alí existente”, esclarece.
Fronte á posición do BNG, as presas levaron a Xunta a decidir “a actual ubicación” sen procurar alternativas, o que acabou derivando nunha tramitación torpe e atropelada “como se reflicte na sentenza do Contencioso Administrativo”.
En definitiva, conclúe, a Xunta continúa “a tratar mal A Coruña en materia sanitaria”. “Incumpren os prazos do novo hospital, como incumpren cada día coas súas obrigas ao non dotar de suficientes profesionais os centros de orientación familiar ou a atención primaria, por non falarmos das derivacións ás privadas ou o aumento das listas de espera”.