Un convenio entre COGAMI e Política Social beneficia a máis de 27.000 persoas con discapacidade

por Redacción Galicia

Denominado APDF, a través deste convenio desenvólvese un programa de atención a persoas con discapacidade e familias ademais do mantemento de COGAMI e entidades membro

Un convenio asinado pola Consellería de Política Social e Xuventude e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) colabora no desenvolvemento de programas de atención de persoas con discapacidade e familias, ademais de apoiar o mantemento tanto da Confederación como das súas entidades membro, contabilizando arestora 58 asociacións.

Cunha financiación que ascende a 1.746.961€, a través deste convenio desenvólvense servizos que contribúen a mellorar a calidade de vida e autonomía das persoas con discapacidade, cunha estimación que vai superar a atención de máis de 27.000 persoas a finais de ano. A través do programa de información, asesoramento e orientación, ofrécese ampla información sobre cuestións como a accesibilidade, produtos de apoio, prestacións, axudas económicas, educación, lexislación e formación, dirixidos tanto ás persoas con discapacidade como ás súas familias e á sociedade en xeral.

COGAMI e o seu movemento asociativo promocionan a autonomía persoal orientada á prevención da dependencia fomentando a saúde a través da realización de actividade física coa práctica de exercicios de ximnasia, natación e fisioterapia. Outro dos programas que se desenvolven a través deste convenio é o de intervención social, con especial incidencia na muller con discapacidade embarazada e lactante e tamén nas persoas con grande discapacidade.

É importante sensibilizar e concienciar sobre a discapacidade, tanto ás persoas que a teñen como ás súas familias e, por suposto, ao resto da sociedade. Neste convenio inclúense charlas de prevención de lesión medular, xornadas de sensibilización e concienciación coa discapacidade, así como aspectos psicosociais da discapacidade.

Co fin de mellorar a cualificación profesional e académica, ofrécese formación e intermediación laboral coa programación de cursos de formación básica e obradoiros combinados con accións encamiñadas a potenciar o acceso ao mercado de traballo, incorporando de xeito transversal o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, tendo en conta a perspectiva de xénero no seu deseño e execución.

Outros programas que tamén se financian a través deste convenio están relacionados co  fomento do voluntariado, coa programación e desenvolvemento de actividades de lecer para fomentar a participación social das persoas con discapacidade e tamén para apoiar o movemento asociativo para que poidan levar adiante os seus fins.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario