Formoso: “Besteiro porá fin ao ciclo do PP en Galicia”

por Redacción Galicia

O secretario xeral do PSdeG destaca que o político lugués ten “experiencia de xestión, coñecemento do país e gran capacidade de diálogo”

O secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, felicitou este xoves a José Ramón Gómez Besteiro logo de ser nomeado candidato dos socialistas á presidencia da Xunta e advertiu que será a persoa que “porá fin ao ciclo do PP” en Galicia.

Un día despois da súa proclamación como candidato do PSdeG, por ser o único aspirante que reuniu os avais necesarios, Formoso felicitou publicamente a Besteiro, lembrando que é a segunda vez que obtén o respaldo da militancia nunhas primarias.

Esta felicitación a Besteiro, que adiantou que xa fixo onte en privado, a estendeu a “todos os candidatos e a todos os compañeiros e compañeiras que aportaron o seu aval en favor dun ou doutro candidato”. Así mesmo, Formoso sinalou que están “ moi satisfeitos coa resposta da militancia” neste proceso de democracia interna”.

Do candidato socialista, o secretario xeral do PSdeG destacou que é “unha persoa con gran valía política, como así recoñeceu o presidente do goberno Pedro Sánchez como así quedou demostrado ao integralo na comisión que negociará o futuro goberno de España”.
Do mesmo xeito, considera que é “unha persoa con experiencia de xestión, coñecemento do país e gran capacidade de diálogo”, que ten “liderado interno” logo de gañar dous procesos de primarias, pero “sobre todo unha persoa con gran capacidade de empatizar cos problemas da cidadanía que é o realmente importante e o que lle preocupa ao Partido Socialista”.

Futuro presidente da Xunta

Formoso foi máis alá ao asegurar que “non escollemos a un candidato, estou convencido de que escollemos ao futuro presidente da Xunta que lle porá fin ao ciclo político do PP neste país” que por iso ao mellor “se esforzou tanto o PP para expulsar a Besteiro da vida política”.

“Creo que estamos ante un momento indicado para devolver a este país a moral que precisa, para volver a ter uns servizos públicos dignos”, apuntou o mandatario socialista quen quere que Galicia volva “a ser unha comunidade autónoma en todos os indicadores de benestar e de progreso que determinan cales son as sociedades máis avanzadas”, concluíu.

Comparte éste artículo
2 Comments