Rubén Arroxo: «A Igrexa ten que pagar impostos polos seus bens, é inaceptable que os seus negocios non tributen»

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG defenderá no Pleno Municipal unha proposta para instar ao estado a revisar os acordos co Vaticano que evitan que a Igrexa pague impostos. Rubén Arroxo afirmou «resulta totalmente anacrónico e inxusto que existan negocios que non tributen por ser propiedade da igrexa». O concelleiro do BNG destacou que «é hora de eliminar as discriminacións e os favoritismos por razón de ideoloxía relixiosa, a igrexa ten que pagar impostos polos seus negocios».

Arroxo sinalou que «para o BNG resulta especialmente sangrante o caso do negocio de aparcadoiro que a igrexa está a explotar na cidade de Lugo e que non está a tributar igual que o fan o resto de empresas implantadas no concello«. No caso do aparcadoiro do seminario de Lugo a igrexa católica acóllese a esta lei de mecenado para evitar pagarlle ao concello de Lugo o IBI polo negocio de aparcadoiro. Arroxo destacou tamén o caso da catedral, «onde o bispado cobra entrada para visitar un patrimonio da humanidade que recibe cada ano unha importante cantidade de diñeiro público para o seu mantemento, e polo que non se pagan impostos», explicou.

Segundo os datos da Igrexa, no exercicio 2021 a diocese de Lugo ingresou en total 9.031.897,84€, dos cales tan só 2,03 millóns corresponden ás aportacións das e dos fieis. A achega tributaria (Fondo Común Interdiocesano) ascendeu a 3,68 millóns, mentres que os ingresos por aluguer de inmobles e actividades económicas e financeiras supuxo un total de 1,3 millóns.

Para o BNG resulta especialmente grave que a igrexa se ampare na lei de mecenado para evitar o pagamento de impostos polos negocios empresariais que posúe e que están en competencia directa con outras iniciativas empresariais que teñen a obriga de tributar. No caso do resto dos inmobles é un acordo establecido entre o estado español e o estado vaticano, no ano 1979, o que exime de pagamento aos edificios adicados ao culto, residencia do clero, seminarios, etc, chegando a acumular en total 72 propiedades no Concello de Lugo polas que non pagan IBI.

Comparte éste artículo
No hay comentarios