Condenar a violencia terrorista tanto do Goberno sionista de Israel como dos islamistas de Hammas e Hezbollah esixe xulgar e xulgar esixe coñecer. Coñecermos o que pasou nos últimos cento vinte anos na Palestina (pois que a historia comeza coa sistemática fundación polo movemento sionista de colonias xudías no territorio palestiniano pertencente ao Imperio otomano dende 1904) e, tamén, coñecer a diáspora xudía xerada polas invasións asiria (século VII a. de XC.) babilónica (VI a. de XC.), romana (anos 70 e 135), pola emigración a Alexandría do Exipto ( III ao I a. de XC.) e polas múltiples represións, expulsións e pogroms antisemitas desenvolvidos na Europa, dende o século XIII até o holocausto nazi. Unha diáspora tamén acrecentada coa emigración dos milleiros de xudeus europeos que non tiñan xa moradía nin referentes despois do holocausto e coa expulsión de centos de milleiros de persoas xudías despois de 1948 de Marrocos, Exipto, Irak e outros países árabes.
O antisemitismo padecido polos xudeus durante case dous mil anos fixo xurdir um proxecto nidiamente sionista que mercou terras, con fundos das grandes fortunas xudías (nomeadamente Rotschild), dende a fin do século XIX na Palestina aos grandes propietarios árabes, beneficiarios da política prolatifundista e anticomunal do Imperio Otomano. Esta colonización sionista perseguiu un Fogar Nacional Xudeu que tencionaba que nas terras mercadas traballaran só xudeus, impondo a previa expulsión polos latifundistas árabes doa arrendeiros ou aparceiros locais. O sionismo constituiu para os colonos xudeus na Palestina, asentados dende a fin do século XIX, o ADN da súa resposta a dous mil anos de discriminación e sofrimentos, máis extremos na Europa cristiá ca no mundo musulmàn.
O mandato que recibiu o Reino Unido da Liga das Nacións para administrar Palestina (1919-1948) deu grande pulo a esta colonización xudía, até as serodias limitacións (1939-1946) que impediron a chegada de milleiros perseguidos polos nazis. Isto agravouse coa prohibición do Goberno laborista de Attlee de novas inmigracións xudías (1946), cando 250.000 supervivintes do Holocausto agardaban en campos de refuxiados na Alemaña e na Austria.
Mais o terrorismo sionista matou 92 persoas nun atentado contra a Comandancia britânica de Palestina no hotel King David (22 xullo 1946) e Gran Bretana renunciou meses despois ao seu mandato. En novembro de 1947 a ONU aprobaba unha Resolución na que propuña dividir case por metades o territorio do Mandato britânico nun Estado de Israel e outro de Palestina. Os países árabes rexeitaron esta Resolución e non recoñeceron o Estado de Israel, proclamado en maio de 1948. Israel gañou a guerra que estourou entón e, no tempo do armistício (1949), ocupaba máis terras das sinaladas pola ONU, expulsando do território a uns 800.000 palestinianos, dende entón refuxiados. Nin eles nin os seus descendentes puideron voltar aos seus fogares.
Na vindeira semana seguiremos debullando a historia deste vello conflito.