O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais explicou hoxe a proposta para a ordenación do aparcamento na contorna do CEIP Pío XII, co establecemento dos espazos «Bico e Vai» pensados para paradas de curta duración nos horarios de entrada e saída das aulas. O Concello habilitará unha trintena de prazas entre a avenida das Burgas, a avenida de Compostela e Poza de Bar, prazas que tal e como indicou Xan Duro, «deben ser usadas de maneira rotatoria polas familias».As prazas de parada nestes espazos «Bico e Vai» repartiránse entre a rúa da Poza do Bar, a avenida das Burgas, e a avenida de Compostela. Neste último caso, vaise inhabilitar un carril de circulación para pintar as prazas de estacionamento, «que só poderán ser utilizadas nos horarios de entrada e saída das aulas e por poucos minutos». O concelleiro de Mobilidade insistiu en que «o obxectivo é ordenar o tráfico e mellorar a seguridade, cunha actuación que é complementaria á posibilidade de que as familias utilicen o aparcamento de Galeras de balde por un tempo de 25 minutos cando se precisen paradas máis longas». Xan Duro insistiu en que «o espazo é limitado, as necesidades de aparcamento son moitas, e é preciso que todas as partes se impliquen para utilizar os recursos dispoñibles coa máxima responsabilidade».
A nova ordenación do aparcamento na contorna do CEIP Pío XII require a instalación de sinaléctica e labores de pintado, que se executarán cando o permitan as condicións meteorolóxicas.