A caída dunha póla obrigou a valar o perímetro da palmeira do xardín na tarde do martes
O enorme e centenario exemplar da Praza do Concello é un dos afectados pola praga do picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus), que tantos estragos está causando en espazos públicos e privados, pero dado o seu simbolismo estase a facer todo o posible por conservala. Deste xeito, despois da aplicación de endoterapia da semana pasada, para a vindeira está previsto realizar unha poda da copa, e, en canto o tempo o permita, completarase o tratamento cunha ducha foliar.
O Concello de Carballo conta cunha empresa especializada para realizar o seguimento dos exemplares de Phoenix canariensis que temos repartidos por espazos públicos da zona urbana e das parroquias. A semana que vén, ademais da poda en altura da palmeira do xardín, procederase á tala de dous exemplares situados xunto ao edificio de Facenda e na Praza de Vigo, que se atopan en moi mal estado e están considerados como irrecuperables polos expertos.
Un dos problemas para loitar contra o picudo vermello é os síntomas non aparecen ata 6-9 meses despois do inicio da infestación. Aínda que ata agora as palmeiras de Carballo puideron esquivalo, desde o 2013 a praga foise estendendo por Galicia, especialmente polas provincias de Pontevedra e A Coruña, causando a morte de centos de exemplares, e nestes momentos está a causar importantes estragos na nosa contorna, na que houbo que talar ducias de exemplares tanto en espazos públicos coma privados.