‘Toponimízate’ chega esta semana a Tui e a Trasmiras

por Redacción Galicia

A localidade tudense acolle mañá xoves unha charla na que a veciñanza aprenderá a empregar a aplicación colaborativa de recolla da microtoponimia Galicia Nomeada

Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terraa campaña coordinada pola Real Academia Galega co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística, chegará esta semana a Tui (Pontevedra) e Trasmiras (Ourense) con dúas charlas sobre a orixe e o significado dos nomes de lugar de ambos os concellos e o funcionamento de Galicia Nomeada. A campaña, coordinada pola Real Academia Galega co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pretende divulgar a enorme riqueza toponímica do país e animar tamén a cidadanía a participar, a través desta plataforma colaborativa, na recolla de nomes de leiras, fontes, camiños, devesas e outros microtopónimos que corren o risco de se perder.

Desde a súa posta en marcha a finais de 2019, as persoas que colaboran con Galicia Nomeada, unhas 3.200, achegaron máis de 67.000 microtopónimos localizados en 303 dos 313 concellos do país.

A cita de Toponimízate en Tui será mañá xoves 26 de outubro a partir das 20 horas na Casa da Cultura de Randufe (rúa Cruceiro do Monte s/n) e a sesión en Trasmiras, o venres 27 de outubro, tamén as 20 horas, na Casa da Cultura (rúa Otero Pedrayo). O coordinador técnico de Galicia Nomeada, o filólogo da RAG Vicente Feijoo, impartirá ambas as sesións, que contan coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza na parte etimolóxica.

A rapazada de Tui e Trasmiras implícase na recolla

Vicente Feijoo xa visitou Tui o pasado marzo. Fíxoo por iniciativa do IES San Paio, onde ofreceu unha charla procurando a implicación da comunidade educativa. Agora, buscarase ampliar ao resto da poboación tudense a recolla da toponimia.

Moita importancia tamén tivo un instituto na recuperación da toponimia de Trasmiras. A rapazada do IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia, incluíu ducias de nomes de lugar deste concello do sur de Ourense grazas a alumnado de Trasmiras. Porén, moito é aínda o territorio que queda por recibir achegas.

Toponimízate xa fixo parada nesta sexta edición nos concellos de Becerreá e Vila de Cruces. Ademais de Tui e Trasmiras, visitará este outono Padrón, Dumbría e Narón na provincia da Coruña; Ponte Caldelas na de Pontevedra; A Pobra do Brollón na de Lugo; e na de Ourense, Maceda e Amoeiro.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario