UGT Galicia sobre os datos da EPA: “Unha mostra máis da fortaleza da reforma laboral”

por Redacción Galicia

Os datos da EPA do terceiro trimestre manteñen a tendencia de aumento da ocupación e de contención da temporalidade dos últimos trimestres, froito do acordo laboral de 2021

Os datos da EPA publicados hoxe polo INE, correspondentes ao terceiro trimestre de 2023, reflicten a fortaleza mostrada ata o de agora polo mercado laboral. A ocupación recolle un aumento en 14.200 persoas ocupadas máis neste trimestre, 30.600 persoas máis en termos anuais, o que se traduce nun aumento do 2,7% respecto ao mesmo trimestre do ano anterior. A taxa de paro, pola súa banda, baixou tres décimas fronte ao segundo trimestre, nun trimestre moi marcado pola estacionalidade do verán, e está 1,5 puntos por baixo fronte a hai un ano. No que respecta á calidade do emprego, a taxa de temporalidade mantense en valores similares por terceiro trimestre consecutivo, un 17,6%, que é o seu valor máis baixo na serie histórica dun terceiro trimestre do ano. 

Os datos mostran que 2023 está a ser un ano positivo para o mercado laboral, rexistrando incrementos da ocupación e das persoas asalariadas, a pesar da incerteza sementada pola guerra en Ucraína, xunto a unha redución da temporalidade. Este terceiro trimestre é outra mostra máis da fortaleza do emprego grazas ao impulso da reforma laboral de 2021.

Solucións para o paro de longa duración e o traballo a tempo parcial

Doutra banda, pese ao recoñecemento que esixen as melloras que conseguiu a reforma laboral no mercado de traballo, para UGT aínda queda un longo camiño por percorrer ata solucionar os problemas que afectan as persoas traballadoras. Un deles, que o sindicato vén denunciando, é na porcentaxe de desempregados de longa duración, definidos como aqueles que levan máis dun ano en procura de emprego. Este terceiro trimestre, o 34,7% do total de desempregados o eran de longa duración, o que reflicte a dificultade para reincorporarse a un emprego por parte deste colectivo. Neste sentido, UGT-Galicia considera fundamental que se dispoñan os medios para evitar que isto suceda, cunhas políticas activas de emprego eficientes e un Servizo Público de Emprego con recursos humanos e técnicos que faciliten o seu traballo. 

UGT manifesta que outro signo de precariedade é a parcialidade do emprego que hai entre os ocupados, un 13,9%, dos que practicamente a metade (un 47,6%) fano de maneira involuntaria, por non poder acceder a un emprego a xornada completa. Esta situación está a xerar unha bolsa de pobreza laboral insostible no noso país.

Por todo iso, o terceiro trimestre continúa cos avances logrados desde a aprobación da reforma laboral e reflicte unha situación económica estable. Aínda así, é fundamental seguir incidindo na necesidade de completar a reforma laboral con novas medidas que eviten os problemas estruturais do noso mercado de traballo, como o paro de longa duración ou a desproporcionada parcialidade. Para UGT, a seguinte lexislatura é a oportunidade idónea para concluír un xiro de cento oitenta graos na política laboral de España, que xa se está producindo coa redución da temporalidade e o asentamento dos contratos indefinidos.

Radiografía da EPA en Galicia

Os datos amosan que hai en Galicia 30.600 ocupados máis con respecto ó mesmo trimestre do ano anterior (un 2,7%) e, en relación ó segundo trimestre de 2023, hai 14.200 ocupados máis, o que supón unha suba do 1,3%.

Aínda así, aínda que a EPA amosa unha clara remisión dos efectos da pandemia, Galicia segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico, cunha taxa de actividade de tan só o 53,6%, fronte ó 59,4% do resto do Estado.

Interanualmente, o paro baixou en 17.600 persoas, o que supón o 13,1%. E, en relación ó trimestre anterior, o paro tamén diminuíu, un 2,1%, en 2.500 persoas.

Así, a taxa de paro queda en Galicia, con 117.200 persoas desempregadas, no 9,3%. No caso dos homes esta taxa é do 8,4% e do 10,2% no caso das mulleres. Entre os menores de 25 anos esta sube ata o 25%.

Por sectores, interanualmente, o emprego mellora na agricultura e pesca, cunha suba da ocupación dun 5,5% (3.800 ocupados máis); no sector servizos, cun aumento do 3,1% (24.600 ocupados máis); e na construción, cun incremento do 4,5% (3.400 ocupados máis). Pola contra, na industria baixa nun 0,7% (1.200 ocupados menos).

Con respecto ao trimestre anterior, a ocupación sube en todos os sectores, un 1,3% no primario (900 ocupados máis); 0,6% na industria (1.000 ocupados máis); un 1% no sector servizos (8.100 ocupados máis), e un 5,7% na construción (4.200 ocupados máis).

Hai en Galicia un total de 943.500 asalariados, aumentando con respecto ó trimestre anterior en 17.800 (1,9%), e ó ano soben en 31.900 (3,5%).

A reforma laboral segue a dar os seus froitos cunha taxa de temporalidade que se sitúa no 17,6%. Dáse un aumento, en relación ao mesmo trimestre do ano anterior, da poboación asalariada con contrato indefinido, do 4,3%, e unha caída dos temporais, dun 0,1%.

O que si hai que salientar é que a parcialidade segue a estar en niveis altos, do 13,9%, sendo o 47,6% da mesma de carácter involuntario.

Difícil situación para moitos fogares e 40.700 persoas paradas de longa duración. A protección social resulta imprescindible

Outro dos nubarróns da radiografía da situación do emprego en Galicia é a situación dos fogares e o paro de longa duración. Ambas situacións levan á vulnerabilidade de moitas familias.

Hai en Galicia un total de 49.300 fogares con, polo menos, unha persoa activa e nos que todos os seus membros activos están en desemprego. E 28.800 fogares que non perciben ingresos.

Das 117.200 persoas que están no desemprego, 40.700 levan máis dun ano nesta situación.

Resulta evidente que o paraugas da protección social é imprescindible para que ninguén quede atrás neste país.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario