Cultura da Deputación da Coruña concede axudas á distribución de filmes en galego  

por Redacción A Coruña

A entidade subvenciona a distribución dun total de 15 filmes en lingua galega, entre os que se atopan «O Corno» ou «Matria»

O departamento de cultura da Deputación da Coruña aproba a concesión de 131.300,81€ euros para subvencionar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega (en VO, VOSG ou dobraxe ao galego) na provincia da Coruña durante o ano 2023.

Así, subvenciona a un total de 15 empresas de produción e distribución de filmes en galego, entre os que se atopa o recén estreado «O Corno», que recibe 17.500€, o importe máximo da subvención. A película de Jaione Camborda, gañadora da Concha de Oro no Festival de San Sebastián, exhíbese na provincia dende o pasado 11 de outubro. O mesmo importe destínase tamén a «Matria», de Álvaro Gago Díaz.

Este apoio da entidade provincial forma parte dunha liña de traballo da área de cultura, que busca promover a difusión da lingua e da cultura do país a través da exhibición dos filmes en galego.

«A produción audiovisual é un sector estratéxico, clave para a difusión da nosa cultura, que nos últimos anos viviu un proceso de gran esplendor» destaca a deputada de cultura, Natividad de Jesús González. «Dende a Deputación queremos apoiar os novos talentos que irrumpiron no cinema galego e facilitar a proxección destes contidos que adoitan ter maiores dificultades de exhibición nas salas convencionais», engade.

A relación de beneficiarios e a contía que recibirá cada un están publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 27 de outubro e poden consultarse e descargarse nesta ligazón.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario