A alcadesa achegouse esta mañá ao Palexco para visitar os postos e espazos onde se desenvolven as actividades da feira
A alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, achegouse esta mañá ao PALEXCO para visitar a feira de WOMEX, que hoxe comeza a súa segunda xornada con 250 expositores e numerosas conferencias para os profesionais da música. «É un orgullo para a nosa cidade poder acoller un evento de tal magnitude como é WOMEX, onde milleiros de persoas comparten non só as súas ideas ou proxectos profesionais relacionados coa música, senón que tamén expoñen parte da súa personalidade e experiencias que, en definitiva, son as que enriquecen a nosa vida cultural».
A rexedora, que estivo acompañada por Gonzalo Castro, concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, puido comprobar de primeira man a multiculturalidade que reina esta semana na cidade, demostrando que A Coruña segue á cabeza das urbes preferidas por moitos profesionais e turistas para gozar da cultura e de eventos mundialmente coñecidos como é o caso de WOMEX, que congrega a unhas 5.000 persoas.
«Acoller grandes eventos como WOMEX é un aliciente máis para que este goberno continúe promocionando, visibilizando e apoiando a cultura en todos os seus ámbitos. Por suposto, o retorno económico para a cidade é moi importante, mais isto tamén se ve reflectido noutros beneficios como o de concibir A Coruña como un lugar perfecto para programar congresos ou espectáculos dignos das grandes cidades europeas», subliñou Inés Rey.
Máis propostas e actividades para a fin de semana
O sábado, ás 11.15 horas, o público poderá coñecer á gañadora do Premio á Excelencia Profesional WOMEX 23, «On the Move», o día antes da cerimonia de entrega. Nesta sesión Marie Fol e Marie Le Sourd serán entrevistadas por Balász Weyer.
Tamén haberá novas conferencias como as que levan por título ‘La música ucraniana como herramienta para la diplomacia pública y la democracia’ (11.00 horas), ‘La política del progreso’ (12.15 horas) ou ‘Festivales, herramientas de desarrollo para zonas remotas’ (15.00 horas).
En canto ás sesións de «networking» destaca unha norteamericana (15.30 horas), na que se oferta unha visión máis holística da situación da música nesa área ou tamén unha de artistas de apoio en risco (16.00 horas)
Mañá haberá unha nova rolda de conferencias, destacando unha sobre a construción dun mercado baseado na innnovación de xéneros na música caribeña (10.00 horas), a exploración das linguas indíxenas (11.00) ou unha mesa redonda sobre «mentoring» (11.45 horas).
Xa pola tarde, haberá a posibilidade de asistir a unha conferencia sobre a intelixencia artificial na industria musical (16.30 horas) ou a unha sesión de «networking» educativo (16.45 horas).
A feira continuará ata este sábado en horario de 11.00 a 17.45 horas e a programación completa de WOMEX 2023 pode consultarse aquí.
Programación de concertos para mañá, sábado 28
Palexco
- 21.45 – 22.30 Jausme
- 23.15 – 0.00 The Breath
- 0.45 – 1.30 ZeMe
Teatro Colón
- 21:30 – 22:15 Matt Carmichael
- 23:00 – 23:45 Erini
- 0:30 – 1:15 Ana Carla Maza
Teatro Rosalía de Castro
- 21.00 – 21.45 Arnaldo Antunes and Vitor Araújo
- 22.30 – 23.15 Ailá
- 0.00 – 0.45 Trilitrate
O Parrote
- 21.45 – 22.30 Liraz
- 23.15 – 0.00 Puuluup
- 0.45 – 1.30 Bamba Wassoulou Groove
Pelícano
- 21.00 – 21.45 Roger Damawuzan
- 22.30 – 23.15 Ko Shin Luna
- 0.00 – 0.45 DefMaa MaaDef
Filmoteca de Galicia
- 20.00 – 21.30 Ethiopiques Magnetic Suite
Playa Club
- 01.00 – 01:15 Danykas DJ
- 02.30 – 03:30 Asna
- 03.30 – 04.30 Carimbombo