Os ‘Venres Teatrais’ regresan en novembro á Laracha

por Redacción A Coruña

As catro funcións principiarán ás 21:00 horas na Casa da Cultura, sendo a entrada de balde

A chegada do mes de novembro significa o regreso das artes escénicas á capital municipal da Laracha coa nova edición dos Venres Teatrais, unha das citas culturais de referencia dentro da programación anual organizada polo Concello. O ciclo constará de catro funcións a realizar todos os venres do mes de novembro. 

Do mesmo xeito que en anteriores edicións, os Venres Teatrais terán comedia, drama e tamén espazo para a concienciación social ao incluírse unha das obras no programa municipal de actividades en torno á conmemoración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres que se celebra o 25 de novembro.

O pano da Casa da Cultura abrirase o día 3, venres da próxima semana, coa compañía ceense Talía Teatro. Traerá á Laracha a comedia Morte accidental dun anarquista, unha adaptación da peza teatral máis emblemática de Darío Fo que segue de actualidade cincuenta anos despois de ser escrita. Será interpretada por Toño Casais, Artur Trillo, Dani Trilllo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Diego Rey e Marta Ríos coa dirección de Cándido Pazó.

O venres 10 ofrecerase Un home con lentes de pasta, de Redrum Teatro, que porán en escena Guillermo Carbajo, Laura Míguez, Fernando González e Sheyla Fariña. A peza recibiu o premio da crítica Serra D’or ao mellor texto teatral, o de mellor espectáculo nos premios Time Out e o premio Mi Butaquita de mellor obra.

O día 17 será a quenda para Malasombra Producións coa súa comedia De algo hai que morrer, na que dous prestixiosos e peculiares científicos -aos que dan vida Jouse García e Xoque Carbajal- divulgan as súas investigacións sobre a morte, disertando, dramatizando e dando resposta a preguntas sobre diversos temas relacionados con ela.

O ciclo concluirá o venres 24 con Pirolíticos, de Mofa e Befa e con texto de Lucía Aldao, María Lado e Clara Gayo. Cunha estrutura de sketches e música rockeira, escenificaranse situacións recoñecibles polo público co fin de conseguir unha comprensión da Guía rápida para unha completa pirólese que oriente sobre as novas masculinidades. 

En todos os casos os espectáculos van dirixidos a maiores de 13 anos de idade, principiarán ás 21:00 horas na Casa da Cultura e a entrada será de balde. O programa Venres Teatrais é organizado polo Concello da Laracha coa colaboración da Deputación da Coruña e o Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario