Serafín González é presidente dende hai máis de dous décadas da SGHN, unha das agrupación ecoloxistas máis importantes de Galicia. Este científico, vinculado ao CSIC, pensa que o proxecto de regadío para a comarca da Limia supón un risco serio para a biodiversidade da zona, o que incluso pode provocar unha eventual denuncia ante a Unión Europea pola súa banda.
A Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife), a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e a Sociedade Galega de Ornitoloxia presentaron as alegacións ao Proxecto de Mellora para o aproveitamento en regadío das 42 captacións das augas subterráneas “A Limia 2022”, polos graves impactos que podería causar en espazos e especies protexidas. O custe total do proxecto supera os 36 millóns de euros.
A zona afectada está incluída dentro dunha das principais Áreas Importantes para a conservación das Aves e a Biodiversidade (IBA) de Galicia, afectando tamén a unha parte dun espazo da Rede Natura 2000 (a ZEPA da Limia), e xunto a unha Reserva da Biosfera.
Segundo Serafín González, “cometen o mesmo erro que dende hai 25 anos na Limia. Explótanse acuíferos e auga subterránea de xeito intenso e iso dana gravemente a moitas especies, algunas delas en risco de extinción e moitas delas protexidas a nivel galego, estatal e internacional. Iso é algo que deberá revisar no seu intre a propia Unión Europea”.
“Estudiaremos no seu momento denunciar o plan de regadío diante da Unión Europea senón se teñen conta as nosas alegacións este proxecto. Poderíamolo facer a través directamente dun escrito ao comisario de Medio Ambente ou a través de grupos parlamentarios. O plan de regadío é financiado en gran medida con fondos do plan de Recuperación e pode que o proxecto vaia en contra dos propios fins dise plan polo seu impacto na biodiversidade”, afirma o responsable da SGHN.
E asevera que: “Polo momento non imos promover movilizacións contra o proxecto. Ante as nosas alegacións tememos que a Xunta non faga nada, como fai sempre en temas medioambientais. Tampouco esperamos pouco do Ministerio de Agricultura, que impulsa este proxecto, pero tal vez o Ministerio de Transición Ecolóxica ou a propia UE fagan algo”.
O espazo afectado constitúe un dos últimos territorios reprodutores para algunhas especies de aves da rexión como a avefría europea ou o alcaraván común e alberga poboacións de plantas e aves catalogadas como ameazadas (Vulnerables ou En Perigo de Extinción) a nivel estatal e rexional como a tartaraña cincenta, o sisón común ou o cardiño de lagoa, unha especie vextal da que o 95% a nivel mundial está radicado na Limia.
As organizacións apuntan, ademais, que con todo isto producirase un aumento da intensificación agrícola na zona e unha potencial sobreexplotación do acuífero, amplificando os potenciais impactos ambientais do proxecto.
Impacto para a biodiversidade
O impacto ambiental da destrución e ocupación definitiva dos terreos polas balsas e da escavación das gabias será grave e irreversible, afectando o funcionamento hidrolóxico dos hábitats da zona e ás súas especies, segundo a SGHN.
A obra apenas contempla, segundo os ecoloxists, un 0,8% do orzamento total de execución para a posta en marcha dalgún tipo de medida correctora ou compensatoria que amorteza os graves impactos que sufrirá o territorio. Ademais, trátase de fondos do Plan de Recuperación e Resilencia, que están suxeitos a cumprir o criterio DNSH (“Do not significant harm”), que significa que os investimentos non poden xerar impactos, algo que non se cumpre neste caso, aínda que poida argumentarse a mellora na xestión da auga.
O proxecto localízase parcialmente dentro da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) ES0000146 «A Limia» e é lindeira coa Zona Especial de Conservación (ZEC) ES1130006 «Veiga de Ponteliñares», ambos os espazos protexidos da Rede Natura 2000, e coa Reserva da Biosfera “Área de Allariz”, que podería verse tamén parcialmente afectada polo proxecto.
Denegación
As tres organizacións solicitaron ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que se denegue a autorización do proxecto por:
A falta de avaliación de repercusións e impactos sobre espazos protexidos da Rede Natura 2000.
A afección directa do proxecto sobre Áreas Importantes para a Conservación das Aves e a Biodiversidade (IBA), ao desenvolverse no interior de IBA 008 “A Limia”.
A afección a especies ameazadas e protexidas, a nivel europeo, estatal e autonómico, algunhas delas catalogadas a nivel estatal e autonómico como “En Perigo de Extinción”.
A deficiente avaliación de repercusións sobre o impacto do proxecto nun espazo natural protexido como é a Reserva da Biosfera “Área de Allariz”.
As considerables deficiencias detectadas na calidade do documento de Avaliación Ambiental.
A posible vulneración da normativa europea en materia de medio ambiente e dos regulamentos que establecen os criterios para a implementación do Mecanismo de Recuperación e Resilencia.