624 entidades deportivas da provincia reciben este ano o apoio da Deputación
O deputado de Deportes, Antonio Leira, e o alcalde de Pontedeume e portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, visitaron as instalacións do Club Naútico Firrete e a Sociedade Deportiva Eumesa para coñecer a súa actividade e interesarse polas necesidades futuras de ambos clubs.
Ao remate da visita, subliñaron que foron “reunións produtivas, nas que se comprobamos a importancia de que a Deputación apoie ao deporte de base en municipios como Pontedeume”.
No caso do Club Firrete, Leira e Fernández destacaron o palmarés dun club que xa sabe o que é subir ao alto do podio en campionatos de España, participa en competicións internacionais e conta con 145 deportistas federados nas súas diferentes categorías (12 equipos masculinos e 12 femininos), entre os que destacan promesas como Martín López, medalla de ouro no campionato do mundo junior en Auronzo (Italia).
Ademáis de colaborar na tradicional baixada do Eume, a Deputación da Coruña destinou nos últimos dous anos máis de 18.000 euros a colaborar coa entidade na compra de material de adestramento e competición, entre o que se inclúen piraguas e e kaiaks.
Bernardo Fernández e Antonio Leira asistiron tamén ao adestramento da Sociedade Deportiva Eumesa, un club de fútbol que conta con 11 equipos de diferentes categorías e 210 rapaces e rapazas nas súas filas.
A Deputación colabora tamén económicamente coa SD Eumesa para manter esta importante afección e axudala de cara a súa participación en campionatos de Liga e Copa organizadas pola Federación Galega de Fútbol, así como nas competicións locais e provinciais.
Leira destacou o apoio da Deputación ao deporte base, que fomenta o piragüismo ou o fútbol en Pontedeume, pero chega tamén a outras 624 entidades de todas as disciplinas deportivas e coas que a Deputación pretende situar ao deporte da provincia da Coruña á vangarda do deporte galego.