Esta charla-coloquio conta coa colaboración do Departamento de Orientación do CEIP de Portonovo e pretende abrir unha reflexión na súa comunidade educativa sobre unha revolución dixital publicitada como «verde», inocua, inmaterial, sostíbel e imprescindíbel.
Para iso contarán como relatores a Xulio Carmona, coordinador da área de dixitalización e contaminación electromagnética de Ecoloxistas en Acción, e de Javier Zarzuela Aragón, veterano docente e activista ecosocial, escritor do libro «Stop TIC INFANCIA: POR QUÉ DESDIGITALIZAR LA ESCUELA»
Neste debate propoñerán identificar os distintos mitos tecnolóxicos instaurados nun proceso desregulado de hiperdixitalización. Mostrarán o coñecemento científico actual sobre as consecuencias negativas coñecidas do tempo de uso de pantallas e do seu inicio precoz, asociados a alteracións da saúde mental e física, así como as súas implicacións negativas no desenvolvemento cerebral e do ámbito académico e da aprendizaxe.
Abordarán igualmente a «presencia importante» en «idades temperás» de condutas aditivas relacionadas coas TIC. Darán voz ás persoas expertas que alertan e denuncian tácticas adictóxenas deliberadas e profusamente aplicadas pola industria dixital, denunciadas ante tribunais norteamericanos por asociacións de nais, pais e persoas afectadas. Denuncias actualmente apoiadas por fiscais de 42 estados distintos de Norte América, contra META (Facebook, Instagram) por poñer en risco a saúde mental de nenas, nenos e rapazada, de forma premeditada.
Darán visibilidade aos inasumíbeis costes das tecnoloxías dixitais pola súa pegada ambiental e climática e pola perda de privacidade e o control social, como a denunciada por organizacións de dereitos humanos pola captación xeneralizada de datos do alumnado.
Mostrarán exemplos das diferentes medidas proteccionistas que se están levando na actualidade para evitar a distracción dixital e mellorar a atención na aula, así como das distintas experiencias de nais e pais cara a evitar a presión social dunha introdución precoz e ‘disruptiva’ da tecnoloxía dixital en menores.