Como indicou durante a inauguración, a sustentabilidade do Camiño é un dos obxectivos da Xunta de Galicia, para o que leva anos traballando da man de distintos plans directores do Camiño de Santiago que o inclúen como os principais retos. “Falamos dunha ruta xacobea cada vez máis diversificada e desestacionalizada e tamén de novas tendencias na peregrinación que todas as administracións temos que atender”, dixo.
Como avanzou, numerosos profesionais, entidades privadas e administración como a Xunta de Galicia, que participará nunha das mesas, terán a oportunidade de debater, expor e avanzar sobre a xestión sustentable na ruta xacobea e os principais retos futuros. Agradeceu á organización a posta en marcha un ano máis nesta iniciativa e animou a participar nas diferentes accións previstas esta semana.
Posibilidades de emprego
A V edición de Fairway é o foro de debate e feira profesional sobre o Camiño de Santiago que se celebrará no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela ata o venres co apoio da Xunta de Galicia. Este ano ten previsto promover ao redor de 3.000 reunións online e presenciais entre empresarios que operan na ruta xacobea e, como novidade, a celebración dunha pequena feira de emprego. Tamén terá lugar ese día unha xornada aberta ao público con propostas para todas as idades e actividades lúdicas.
Ademais, desde o punto de vista profesional, a organización prevé promover durante estes días máis de 3.000 reunións de negocio online e presenciais entre empresas e 42 touroperadores nacionais e internacionais. A temática desta edición é a economía circular. Tamén haberá obradoiros formativos para dar a coñecer o uso de ferramentas dixitais.