O vindeiro sábado 4 de novembro ás 18.30h Mazarelos e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda presentarán o novo número de Mazarelos: revista de historia e cultura. Este acto será celebrado no Circo de Artesáns (A Coruña) en colaboración entre as dúas entidades.
Participarán no acto Brais Ferreiro Ares, editor de Mazarelos; Arturo Real López, autor do artigo ‘De camelias, mocións e emocións. Memoria e relato da transición’; e Carmela Galego, vicepresidenta da A. C. Alenxandre Bóveda.
No coloquio presentarase o proxecto de Mazarelos, os contidos do último número e falarase dos novos relatos da Transición medio século despois dende a perspectiva da asociación e da historiografía.
Ao remate, haberá exemplares da revista á disposición das persoas asistentes.