O Concello de Ferrol promove un curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas

por Redacción A Coruña

A concelleira de Igualdade, Elvira Miramontes, avanzou que a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia vén de conceder ao Concello de Ferrol a realización dun curso de autodefensa para mulleres ante situación violentas. “Trátase dun curso de defensa persoal e de autocapacidades que solicitamos á Secretaría Xeral de Igualdade dentro das actuacións previstas na Rede de entidades locais contra a violencia de xénero da que forma parte o Concello de Ferrol”, indicou a edila.

O obxectivo desta rede é a busca do rexeitamento social e institucional da lacra que supón a violencia contra as mulleres, sensibilizando á poboación e buscando a súa implicación e compromiso real en contra da mesma, fomentando ao mesmo tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade.

Neste contexto encádrase este curso que está dirixido a mulleres maiores de 18 anos ou maiores de 16 (con autorización de nai/pai/tutor/a legal). “O curso é de balde e terá lugar os días 17 e 24 no pavillón municipal de Santa Mariña, en horario 09:30 a 13:30 horas”, revelou a concelleira.

O límite de prazas será de 40 persoas e será impartido por monitores e monitoras especialistas en defensa persoal e integrantes da Fegaloita (Federación Galega de Loita).

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario