Este próximo mércores 8 de novembro comeza en Santiago de Compostela unha xira de 3 días por Galicia de Nilufar Saberi, defensora dos Dereitos Humanos de Irán, da man de Amnistía Internacional Galicia. O roteiro conta con parada o mesmo día 8 pola tarde na Coruña, o xoves 9 de novemro en Lugo e o venres 10 en Vigo
Nilufar é unha activista de longa traxectoria e moi coñecida no noso país, xa que leva 40 anos vivindo en España, onde chegou coa súa familia como refuxiada sendo nena. Durante estas 4 décadas leva denunciando as violacións que se están a cometer no seu país, especialmente no tocante aos dereitos das mulleres e nenas. No seu tempo fundadora e máis tarde presidenta da Asociación Iraní Pro-Derechos Humanos, hoxe en día prefire adicarse á divulgación de forma independente, como dan conta as súas colaboracións con organizacións como Amnistía Internacional, Medicus Mundi, Cultura de Paz, Culturas y Tierra e moitas outras.
Nely, como lle gusta que a chamen, abordará nestas charlas públicas en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo e Vigo, a problemática dos Dereitos Humanos en Irán dende a chegada ao poder de Jomeini e a súa teocracia islamista no ’79, así como a súa esperanza ante os cambios que se están a producir grazas ao movemento de Muller Vida e Liberdade.
Sen embargo, non debemos esquecer a morte de Mahsa Amini estando baixo custodia policial hai pouco máis dun ano por non levar o veo posto. Do mesmo xeito, hai só unha semana, foi Armita Garawand quen morría no hospital tras 28 días en coma por motivos similares. Estas situacións de vulneración extrema dos Dereitos Humanos, como son as execucións sumarísimas que se seguen a producir no país, son os feitos sobre os que Nilufar e Amnistía Internacional Galicia queren poñer no centro do debate nesta serie de 4 encontros que realizará por cidades galegas.
– SANTIAGO DE COMPOSTELA. Mércores 8 de novembro ás 11:30h
IES da Pontepedriña
*Actividade escolar non aberta para o público xeral.
– A CORUÑA. Mérocres 8 de novembro ás 19:30h
Local Amnistía Internacional A Coruña (Rúa Rafael Alberti 5, 1ºC)
– LUGO. Xoves 9 de novembro ás 20h
Patio do Vello Cárcere (Praza da Constitución s/n)
– VIGO. Venres 10 de novembro ás 19:00h
Sala Sargadelos (Rúa Urzáiz 17)