Un ano e medio despois de se estrearen as novas estacións e as bicicletas eléctricas, convén que o Goberno Local faga unha avaliación do funcionamento de Bicicoruña, entende a concelleira do BNG Avia Veira, quen a ese respecto dirixirá unha pregunta oral ao Executivo coruñés no Pleno do vindeiro xoves 9N
«Chégannos queixas de persoas usuarias arredor de deficiencias de Bicicoruña. Hai problemas recorrentes nas horas punta -saídas e entradas dos traballos, por exemplo- con estacións baleiras e cónstanos tamén malestar porque con demasiada frecuencia se atopan bicis con rodas que non están nas mellores condicións, algo que se está a ver con clareza nestes días de chuvia”, refire Veira.
Dado que a previsión é que Bicicoruña vai “medrar aínda máis en número de estacións e de bicis eléctricas” cómpre “acompañar ese medre dunha necesaria reflexión sobre os aspectos a mellorar”, considera a concelleira nacionalista.
“Estamos a falar dun servizo que é moi útil e que é clave para que se abra paso un novo paradigma de mobilidade na Coruña”, conclúe Veira.
O texto da pregunta oral que realizará no Pleno do xoves reza como segue: “Que avaliación fai o Goberno Local do servizo de Bicicoruña?”.