A concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas, Nereida Canosa, expuxo as actuacións máis destacadas en materia de mobilidade
A alcaldesa, Inés Rey, interviu esta mañá na apertura da XX Xornada Técnica do Observatorio da Mobilidade Metropolitana na Domus sobre o impulso á recuperación do transporte público. Rey estivo acompañada por Margarita Novales, enxeñeira de camiños da Universidade da Coruña; e María José Rallo, secretaria Xeral de Transportes e Mobilidade do MITMA.
A rexedora destacou o apoio do Goberno de España en materia de mobilidade co investimento achegado a través dos fondos Next Generation así coma o desbloqueo de importantes infraestruturas históricas como Alfonso Molina, a Estación Intermodal ou a recente saída a licitación do proxecto para a cuarta ronda. Lembrou que tanto a renovación do servizo de BiciCoruña como o impulso ao autobús urbano foron posibles grazas ao apoio estatal así como da UDC na bonificación do 60% nas liñas universitarias. «As bonificacións no prezo de autobús foron un impulso a un servizo que hoxe suma máis de 20 millóns de usos no que vai de ano e todo apunta que este ano chegaremos ao máximo histórico».
Rey explicou que dende a súa toma de posesión como alcaldesa da Coruña tivo como obxectivo a aposta polo cambio da cidade cara un novo modelo máis humano e sostible. «Un debate que iniciamos no 2019 e que se acelerou coa chegada da pandemia, o que nos fixo cambiar a nosa concepción sobre a mobilidade e o espazo público convertido ese modelo de cidade nunha necesidade para os nosos veciños e veciñas» aseverou.
Rey rematou a súa intervención lembrando que outras cidades como Valladolid ou Gijón foron exemplo que o Goberno local tomou como referentes para a implantación do novo modelo de cidade. «Hoxe asistimos a cambios de parecer en moitos Concellos coa supresión de cariles bici ou levantamentos de áreas peatonais, o que supón unha enorme perda económica para as cidades ademais dunha volta ao pasado» explicou. Rey sentenciou que A Coruña continuará na senda do progreso.
Pola súa banda, a concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas, Nereida Canosa, expuxo as actuacións máis destacadas en materia de mobilidade. Destacou como os dous eixos principais de actuación o impulso do transporte público así como o cambio no modelo de cidade, coa posta en marcha dos plan Coruña Camiña e Coruña 30.
Canosa lembrou que A Coruña foi pioneira na redución da velocidade en vías urbanas a 30 km/h, iniciando a súa aplicación en maio de 2021, antes da entrada en vigor da normativa estatal. «En zonas como Juan Flórez, a media de velocidade baixou un 16,46 % pasando de circularse a unha media de 24,54 km/h a 20,5 km/h; ou na rolda de Outeiro, baixando a velocidade un 9,90 % respecto ao ano pasado, cunha media actual de 19,73 km/h respecto a o 21,90 km/h».
Ademais, explicou que tamén se levaron a cabo importantes actuacións para o calmado do tráfico, como elevación de pasos para a redución da velocidade en puntos conflitivos ou a instalación de radares pedagóxicos, de acordo coa implantación da Zona de Baixas Emisións (ZBE).
Á xornada asistiron máis de 50 participantes chegados de diferentes administracións públicas de España como a Generalitat Valenciana, o concello de Barcelona ou o Ministerio de Transportes. «Foi un orgullo para todos nós acollelos e converter A Coruña nun lugar de reflexión sobre o futuro da mobilidade urbana» concluíu Canosa.