Marina Ortega esixe ao novo presidente da Deputación de Ourense acoller as propostas do PSdeG para “deixar atrás o modelo partidista do PP”

por Redacción Ourense

Reclámalle ao novo presidente do ente provincial “xustiza e plena igualdade de oportunidades” para tódolos ourensáns

A parlamentaria socialista Marina Ortega esixiulle hoxe ao novo presidente da Deputación de Ourense que asuma as propostas do Grupo Socialista no ente provincial para “deixar atrás o modelo partidista do PP”. Oretga interveu na comparecencia do titular do ente provincial na Comisión de Orzamentos do Parlamento, onde reclamou “mudar 180 graos” o modelo de xestión “inxusta e desigual” da Deputación de Ourense. 

Marina Ortega reclamoulle que “acollan as nosas propostas” para pasar dunha xestión “partidista, caciquil e discriminatoria” imposta polo PP ata “chegar á igualdade de oportunidades e gobernar de xesto equitativo” e a favor de toda a veciñanza, independentemente da cor do seu goberno. A responsable socialista reclamou “resarcir á provincia” logo de “décadas de discriminación dos veciños e veciñas, cuxo único delito era que o seu alcalde non era do PP”.

Advertiu que o actual presidente da Deputación foi “sabedor e consentidor” do sucedido durante a súa traxectoria política, na que foi alcalde, senador e agora tamén presidente do ente provincial nos anos de “despilfarro” durante a presidencia dos Baltar. Situou ao novo presidente na tesitura de “só mudar a golpe de titulares e brindes ao sol ou cambiar o contido ata un punto que sexa tanxible para a cidadanía”.

Dixo que o 97 por cento dos fondos distribuídos no anterior exercicio foron recaer en concellos do PP, que recibiron 5,4 millóns de euros de investimento fronte aos apenas 188.000 que recibiron os concellos gobernados por alcaldes ou alcaldesas socialistas. Lembrou o “agravio” perpetrado dende a Deputación lembrando o informe do Consello de Contas sobre o ano 2018, no que 8 de cada 10 contratos foron concedidos a dedo, e o 60 por cento deles ás mesmas 5 empresas.

Explicou que o resultado desta xestión foi o dubidoso mérito de ser a provincia máis envellecida de España, onde o número de pensionistas supera o dos traballadores e traballadoras e sumido nunha fonda crise demográfica logo de anos expulsando á mocidade. Este é a consecuencia de repartir fondos con criterio político no canto de aproveitar as oportunidades dunha das primeiras potencias termais europeas, con oportunidades na viticultura, a industria e o patrimonio cultural.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario