O IGADI e o Campus Industrial da UDC organizan unhas xornadas divulgativas sobre Iberoamérica e o diálogo Oriente – Occidente

por Redacción Galicia

A Sala de Conferencias do Edificio de Batallóns acolle, o vindeiro venres 10 de novembro, ás 10:00 horas, as xornadas “Ferrol no mundo do Século XXI: Iberoamérica e o diálogo Oriente-Occidente” que organizan o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e o Campus Industrial da Universidade da Coruña en colaboración co organismo de diplomacia pública Casa Asia

O evento estará presentado polo xornalista da CRTVG, Tino Santiago, quen está especializado na cobertura de información política e económica a nivel internacional.

O programa das xornadas inclúe unha primeira sesión titulada “O diálogo iberoamericano con China” na que intervirán a directora do Observatorio da Política China do IGADI, Raquel Isamara León de la Rosa, e o investigador do Real Instituto Elcano e profesor do IE School of Politics, Economics and Global Affairs, Miguel Otero. A mesa estará presentada e moderada polo director xeral do organismo de diplomacia pública Casa Asia, Javier Parrondo.

Na segunda sesión, titulada “As universidades na Axenda 2030: Alianzas para o coñecemento, a paz e a prosperidade. O Campus Industrial de Ferrol nas relacións universitarias España- China”, participarán o director da Academia de Gobernanza Global e Estudos de Área da Universidade Tecnolóxica de Guandong, Pan Zhen, o investigador do Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas (PROTERM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (Citeni) da Universidade da Coruña, Ramón Artiaga, a integrante do Grupo de Investigación Sinoloxía Española Complutense da Universidade Complutense de Madrid, Luo Huiling, o presidente da Fundación Qili Fundazioa, Andrés Herrera-Feligreras, e o director do IGADI, Daniel González Palau. A mesa, que terá varias intervencións en liña, estará presentada e moderada polo coordinador do grao en Relacións Internacionais, titulación multilingüe que se imparte no Campus Industrial de Ferrol, Félix Puime Guillén.

Todas aquelas persoas interesadas en asistir ás xornadas “Ferrol no mundo do Século XXI: Iberoamérica e o diálogo Oriente-Occidente” terán que inscribirse enviando un correo electrónico cos seus datos persoais a internacionalizacion.campus.industrial@udc.gal ou ben chamando ao 881 01 3694 antes das 14:00 horas do xoves 9 de novembro. A asistencia é gratuíta e as prazas limitadas.

Colaboración coa Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña (UDC) e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) asinaron en decembro de 2022 un Convenio de Colaboración que atinxe ámbitos variados no eido da internacionalización de interese común para as dúas entidades enfocando a súa atención no traballo do Observatorio da Política China (OPCh).

Desde este curso 2023/24, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) dispón dun espazo de seu no Edificio de Apoio ao Estudo. Deste xeito, a asociación de estudos internacionais pon ao dispor de todo o alumnado e profesorado do Campus Industrial de Ferrol e, en especial, do estudantado do grao en Relacións Internacionais que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación, un amplo fondo bibliográfico de publicacións especializadas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario