Alfonso Rueda comprométese cos galegos a que «non teñan que asumir as débedas nin a mala xestión doutros»

por Redacción Lugo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, esixiu hoxe respecto para Galicia e reiterou o seu compromiso para que os galegos «non teñan que asumir nin as débedas nin a mala xestión dos demais». Nun contexto marcado polas negociacións da investidura de Pedro Sánchez, o presidente amosouse categórico: «Pido o mesmo trato, como mínimo, para Galicia que o que se lle da aos demais. Non máis, pero tampouco menos».

Na súa intervención durante a tradicional pulpada organizada polo PP da provincia de Lugo, Rueda ironizou co prezo que os asistentes tiveron que pagar polo convite: «Os 40 euros que pagastes todos os que estades aquí é a décima parte do que ides ter que pagar a Cataluña grazas a ese gran negociador que ademais é de Lugo».

E neste sentido incidiu en que os 16.300 millóns de euros que Pedro Sánchez acordou condonar a Cataluña «costarán 400 euros a cada galego», engadindo que este é «tan só o primeiro asalto» dos 450.000 millóns que piden os independentistas.

«As débedas non se perdoan nin desaparecen. O único que se fai é cambiar de pagadores e, en vez de ter que pagar esa débeda quen pediu os cartos, vaise distribuír entre todos», explicou lamentando que a Galicia lle vaia tocar pagar isto cando aquí «intentamos non endebedarnos precisamente para non ter que pagar despois e hipotecar o noso futuro».

«GALICIA DEMANDA DE NÓS O QUE ESTAMOS FACENDO: OFRECER ESTABILIDADE E FACER A VIDA DA XENTE MÁIS SINXELA»

Alfonso Rueda puxo en valor o traballo que se está facendo desde o Goberno galego, tomando medidas como a baixada de impostos: «Por moito que diga a esquerda, pódense baixar impostos se fas unha boa xestión económica e non optas por endebedarte coa idea de que logo paguen outros».

Tamén definiu Galicia como «unha illa de estabilidade» que contrapuxo ás incertezas que ofrece o Goberno central en cuestións como a xestión dos fondos europeos ou das infraestruturas estatais na provincia de Lugo.

Sobre a primeira cuestión, o líder dos populares galegos lamentou que «os fondos europeos sigan no mesmo caixón do Ministerio desde que chegaron de Bruxelas» cando hai proxectos como o de Altri que sigue á espera de recibir eses fondos.

Do mesmo xeito, en materia de infraestruturas, preguntouse se os incumprimentos na reconstrución do viaduto caído na A-6 e o mal estado desta autovía «serían o mesmo se esta infraestrutura comunicase as comunidades onde están os que están facendo chantaxe a quen corresponde arranxala».

«A xente quere que as administracións nos dediquemos a traballar e a facerlle as cousas máis fáciles cando todo se está poñendo cada vez máis difícil. E a iso nos dedicamos e nos seguiremos dedicando en Galicia: a estar preparados, a ofrecer estabilidade e a facerlle aos galegos a vida máis sinxela».

CANDIA: «FRONTE AO DESGOBERNO DE SÁNCHEZ, EN GALICIA TEMOS UN PRESIDENTE QUE GOBERNA PARA AS PERSOAS»

Pola súa banda, Elena Candia quixo agradecer o compromiso do presidente Rueda e de todo o PP de Lugo nun momento que cualificou de «histórico» porque «á fronte de España temos un dirixente sen ningún tipo de escrúpulos». Neste senso, afirmou que «aos socialistas de agora, que non aos de antes, a provincia de Lugo non ten nada que agradecerlles».

Como exemplo desta reflexión citou as infraestruturas que, dixo, «están esquecidas e nunca mal estiveron». É  o caso dunha A-6 que se ten convertido nunha «corredoira rebenta rodas» ou da autovía de Santiago, na que todos os seus treitos foron inaugurados por gobernos do PP.

Fronte a este «desgoberno» e a un Besteiro que «sinte orgullo destes agravios e de dar a outros o que lle pertence aos galegos a cambio de nada», apuntou a líder provincial do PP, Galicia «ten un presidente que goberna para as persoas».

Por todo isto, Candia non dubidou en remarcar que Lugo nunca lle fallou a Feijóo e non lle vai fallar a Rueda: «Imos traballar para que Alfonso Rueda obteña a súa primeira maioría absoluta. Meréceo porque é un compañeiro leal e comprometido e porque queremos que o proxecto do PPdeG siga sendo o proxecto de todos os galegos e galegas».

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario