O PP propón crear prazas de estacionamento exprés próximas ás farmacias de Lugo

A iniciativa conta co respaldo do Colexio de Farmacéuticos cuxos colexiados participaron nun encontro coa voceira do Grupo Popular, Elena Candia onde presentou a iniciativa que levarán a pleno

O Grupo Municipal presenta unha iniciativa a pleno para que se realicen os trámites precisos para reservar prazas de aparcadoiro “áxiles” nas inmediacións das oficinas de farmacia da cidade.

Os populares explican que “a permanencia do vehículo nestas prazas exprés se limitaría ao tempo que levase a compra do medicamento” engadindo que “deste xeito se resolvería o problema das persoas que acuden con urxencia a unha farmacia e non atopan espazo onde deixar o seu vehículo”.

A petición dos populares está avalada pola lexislación vixente, en concreto na Ley 3/2019 de ordenación farmacéutica de Galicia que no seu artigo 13 establece que as oficinas de farmacia son “establecementos sanitarios privados de interese público integrado na atención primaria” e no 16 que “terán acceso directo, libre e permanente dende a vía pública ou dende zonas de uso colectivo á zona de dispensación e atención ás persoas usuarias”.

No RD 1056/2014, que regula o uso das tarxetas para persoas con discapacidade, establece, na súa disposición adicional segunda, que se reservarán prazas en servizos e establecementos sanitarios (este concepto inclúe ás farmacias).

Se a isto lle engadimos que a Constitución Española recoñece “o dereito á protección da saúde e determina que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios”, queda xustificado que o Concello de Lugo debe establecer os medios precisos para facilitar o aparcamento nas inmediacións das oficinas de farmacia.

Os populares explican que das 48 oficinas de farmacia distribuídas ao longo da cidade hai algunhas onde é moi complicado estacionar como por exemplo no barrio da residencia; avenida Ramón Ferreiro; da Coruña ou no barrio da Milagrosa, entre outros.

Outras peticións

Na xuntanza co Colexio de Farmacéuticos a directiva referiuse á necesidade de contar cun interlocutor no concello para os colexiados poidan colaborar en cuestións relacionadas con problemáticas relacionadas con servizos sociais como pode ser a detección de casos de persoas que sufren soidade non desexada. Tamén reclamaron que puideran formar parte de diferentes órganos de participación como pode ser o Consello Económico e Social.

Comparte éste artículo
No hay comentarios